publicidade hoxe

A ocupación hoteleira en Poio acadou o 85% en Semana Santa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPoio
A-
A+

A Concellaría de Turismo do Concello de Poio informa sobre os visitantes recibidos nas oficinas de turismo municipais e a ocupación rexistrada nos establecementos de aloxamento durante a Semana Santa. No que respecta á ocupación acadada durante a Semana Santa nos establecementos hoteleiros do municipio de Poio o bo tempo axudou a rexistrar uns datos bastantes positivos en boa parte dos aloxamentos chegando a acadar cifras de ocupación do arredor do 85% nalgún deles durante os días festivos. Aínda así, foron varios os aloxamentos que estiveron pechados durante toda a semana. En xeral, a ocupación media rexistrada nos establecementos do municipio acadou o 69%, cifra bastante superior á rexistrada nos últimos anos nas mesmas datas.

Respecto ós visitantes que se achegaron ata as oficinas de turismo municipais acadouse a cifra de 732 persoas, cantidade superior nun 26 % a rexistrada nas mesmas datas do pasado ano. En canto a procedencia dos visitantes un 97% corresponderon a visitantes nacionais fronte a un 3% a visitantes internacionais. De entre os visitantes nacionais destacaron en primeiro lugar como ven sendo habitual os procedentes de Madrid (24,10%) seguidos dos visitantes procedentes Castela e León (11,11%), Aragón (10,60%) e do País Vasco (10,40%). Tamén foi salientable o número de visitantes procedentes da nosa comunidade autónoma que representaron un 17,26% do total. En relación ós visitantes internacionais destacaron os turistas procedentes de países europeos como Francia, Holanda e Italia. A información recollida nas nosas oficinas de turismo revela que a maior parte dos nosos visitantes chegan en coche, salvo os numerosos grupos que o fan en autobús e os principais motivos de visita ó noso municipio son o Conxunto histórico de Combarro, O Mosteiro de San Xoán de Poio e a gastronomía da zona.

En canto a información solicitada polos nosos visitantes buscan preferentemente información dos atractivos do Concello de Poio (Combarro, Mosteiro de Poio, Petroglifos Da Caeira, Casa de Colón), así como información xeral das Rías Baixas, de Pontevedra, Islas Cíes, Cambados, Cangas, O Grove, Vigo , etc.

7 de abril de 2015 | 18:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.