A muller acoitelada en Vigo segue estable dentro da gravidade na UCI de Povisa
A muller acoitelada o domingo en Vigo, a exparella da cal foi enviada a prisión provisional por un delito de homicidio en grao de tentativa, está consciente aínda que, malia a leve melloría, continua ingresada na UCI do Hospital Povisa “estable dentro da gravidade”.
Así o confirmaron fontes do centro sanitario, que indicaron que aínda que a muller xa non está sedada e espertou e está consciente, aínda se atopa entubada e permanece na UCI.
A vítima, auxiliar de enfermaría do equipo de Povisa, ingresou o domingo pola mañá con feridas de arma branca no colo e os brazos. Segundo achegados, a muller entrou polo seu propio pé en urxencias, onde foi inmediatamente intervida por especialistas en otorrilaringoloxía, vascular e traumatoloxía.
A muller foi supostamente agredida pola súa exparella, Juan Calos F.F., tamén traballador de Povisa, detido pouco despois dos feitos e este martes foi enviado a prisión provisional comunicada e sen fianza por intento de homicidio. Ademais, sobre o home tamén pesa unha orde de afastamento e prohibición de comunicarse coa vítima durante a instrución da causa.
O varón foi trasladado o martes a centros hospitalarios de Vigo despois de que se autolesionase na Comisaría da Policía Nacional. Tras recibir a alta chegou aos xulgados, onde declarou ante a xuíza que “non tiña intención de facelo nada” a vítima e que “non ten coñecemento de como aconteceron os feitos”.











