A mostra “O deseño na oficina no século xx. Da máquina de escribir ao computador persoal” exhíbese en Ferrol
O concelleiro de Cultura do Concello de Ferrol, Manuel Reyes García Hurtado, presentou hoxe a nova proposta expositiva do Centro Cultural Torrente Ballester (CTB): “O deseño na oficina no século XX. Da máquina de escribir ao computador persoal”, que se inaugura o vindeiro venres día 24 ás 20:00 horas. Anteriormente, ás 19:00 horas, se realizará unha mesa redonda que contará coa presenza de Alfredo Sirvent, un dos maiores especialistas en máquinas de escribir; e Luis Sirvent, copropietario da Colección Sirvent. Esta mostra percorrerá a historia da máquina de escribir e a súa influencia no deseño, o comercio e a sociedade do século XX da man da Colección Sirvent. A exposición estará aberta até o vindeiro 28 de xuño no CTB.
“O deseño na oficina no século XX. Da máquina de escribir ao computador persoal” establece un punto de partido dende o que asomarse á sofisticación da escritura e ao desenvolvemento do deseño na oficina até o seu desprazamento definitivo ao universo dixital. Algúns dos aspectos que tiveron lugar durante o pasado século e que se poderán visualizar na exposición foron a integración da muller ao mercado laboral como mecanógrafa, o éxodo rural, as innovacións tecnolóxicas, o incremento do consumo e a consecuente evolución do deseño e a publicidade.
Na exposición preséntanse tanto modelos tradicionais como peculiares exemplares que permiten comprender o paso do mecánico ao tecnolóxicos. Dende máquinas de escribir encriptadas, máquinas de xoguete, teclados de escritura braille, máquinas eléctricas e electrónicas até os primeiros modelos de ordenadores, que nas súas primeiras manifestación constituían un híbrido entre a máquina de escribir e o computador persoal. Por outra banda, a Colección Sirvent conta tamén con diversos útiles de oficina e un amplo conxunto de pósters, fotografías e carteis que exemplifican as diferentes estratexias do deseño e da publicidade nos últimos tempos.
Ao longo da mostra, as obras de José Lourenço, Misha Bies Golas e Ignacio Uriarte ilustran a plasticidade da máquina de escribir, reflexionando sobre a singularidade e expandido o seu uso. Estas propostas artísticas enriquecen o repertorio de máquinas, utensilios de oficina e pósteers que presenta a Colección Sirvent.











