A Marea de Vigo defende a súa participación nos debates electorais pola súa representatividade na cidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+
Europa Press

A Marea de Vigo avogou por aplicar no ámbito local a instrución aprobada pola Xunta Electoral Central, que inclúe na cobertura informativa a partidos que “posúan a condición de grupo político significativo”, e, polo tanto, permite que forzas políticas como a Marea, que en Vigo non ten representación pero ten “representatividade”, estea presente nos debates electorais.

Así o manifestou este martes en declaracións aos medios durante unha concentración o candidato á alcaldía, Rubén Pérez, que asegurou que a plataforma non vai participar “en debates que non sexan con PP, PSOE e BNG”. “Consideramos que ese é o espazo que ten que ocupar a Marea e non se nos pode meter nun debate con 14 candidaturas”, comentou.

A instrución que acaba de emitir a Xunta Electoral Central permitirá que, a partir das próximas eleccións autonómicas, formacións políticas sen representación nas institucións ás que se presenta pero con “condición de grupo político significativo”, teñan oco nos plans de cobertura informativa dos medios públicos.

Nesta liña, Rubén Pérez incidiu en que “a Marea non pode ser silenciada”, posto que “atesoura xa de saída o seis por cento do electoral de Vigo”. “A Marea ten unha representatividade que ten que tela e ser evidente tamén nos medios de comunicación”, resumiu.

“Pensamos que esa doutrina da Xunta Electoral hai que aplicala tamén no ámbito local; as forzas políticas que non teñan representación pero teñan representatividade ou mesmo representatividade mediática temos que estar presentes”, concluíu.

CAMPAÑA “NOVIDOSA”

Rubén Pérez dixo sobre a campaña da Marea que é “diferente” e “absolutamente novidosa” e con ela pretenden”ser un soporte político para poder vencer na Deputación e no poder local”. Ademais, destacou que propoñen “por primeira vez facer unha campaña que tamén sexa unha escola de formación cidadá, que os cidadáns saiban como funciona un presuposto”.

“A nosa proposta é que a partir do 24 de maio os presupostos os decida grande parte da cidadanía, recuperar a democracia directa”, subliñou, antes de sinalar que é “demasiado pronto” para falar de posibles pactos, que, en todo caso, terán que ser decididos en asemblea cidadá. “O que temos claro é que calquera decisión do grupo municipal vai ser tomada directamente por unha asemblea cidadá”, apostilou.

Cuestionado acerca da oferta electoral, Pérez opinou que “non é mala”, pois “non é malo que se presenten moitas listas”, aínda que indicou que “o que sería bo que esas candidaturas teñan unha proposta política detrás” para “confrontar programas”.

22 de abril de 2015 | 16:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.