A mancomunidade da comarca de Ferrol recibe dúas subvencións da Xunta e da Deputación
A Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol recibiu dúas subvencións por parte da Xunta de Galicia e da Deputación Provincial da Coruña que ascenden no seu conxunto a máis de 51.000 euros. Así, a achega da administración autonómica permitirá sufragar gastos de funcionamento do servizo mancomunado de xestión de residuos voluminosos a través da liña de concorrencia competitiva do Fondo de Compensación Ambiental. Esta subvención ascende a un total de 45.000 euros.
No que atinxe á subvención concedida polo organismo provincial, por un importe de 6.666 euros, será destinada a investimentos en promoción turística durante o exercicio 2015. Máis concretamente, a acción subvencionada consiste no desenvolvemento dunha aplicación móbil multiplataforma para a promoción turística do xeodestino Ferrolterra coas seguintes características: aplicación multilingüe;xeolocalización de todos os recursos e servizos do territorio; disposición offline, incluídos os mapas; distribución gratuíta a través dos principais portais (apple store e google play); e información será coherente e sincronizada co contido da web do xeodestino www.turismoferrolterra.es sempre que sexa posible. Esta aplicación multiplatadorma tamén terá funcións interactivas como a posibilidade de subir fotografías ou comentarios polos usuarios, valorar recursos ou compartir en redes sociais; e terá a posibilidade de integrar promocións e ofertar por parte dos establecementos.
Oficina de Fomento Cooperativo
Por outra banda, a Oficina de Fomento Cooperativo da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, integrada dentro da Rede Eusumo da Consellería de Traballo e Benestar, continúa a súa actividade de difusión do cooperativismo e a economía social. Segundo informa o organismo supramunicipal, nos últimos meses impartíronse charlas e obradoiros ao alumnado de diferentes centros de ensino de toda a comarca (IES Fene; IES Punta Candieira, en Cedeira; e IES Concepción Arenal, IES Canido e IES Ferrol Vello en Ferrol) así como ás persoas desempregadas participantes nos diversos programas de emprego municipais. Así mesmo, e nas vindeiras semanas estas actividades estenderánse a máis centros educativos e programas de emprego tanto municipais como de entidades. Concretamente, estas charlas e obradoiros teñen previsto ampliarse aos seguintes centros de ensino: IES Fernando Esquío, en Neda; IES Mugardos; CEIP Nicolás del Río, en Cedeira; CEIP O Ramo, en Fene; IES Catabois, CEIP Recimil, Colexio San Rosendo, Colexio Valle Inclán e CEIP Pazos, en Ferrol).
Ademais, en breve comezarán a celebrarse charlas abertas a todo tipo de público interesado en coñecer a fórmula cooperativa. Así, o vindeiro 18 de maio terán lugar unha destas charlas no auditorio de Cedeira e en horario de 12.00 a 13.00 horas. Os encontros restantes serán anunciados na páxina web oficial da Mancomunidade: www.comarcaferrolterra.es . Dende a Oficina mancomunada de Fomento Cooperativo tamén se está dando difusión ao concurso de iniciativas cooperativas convocado pola Consellería de Traballo e Benestar, no que poden participar todas aquellas persoas interesadas na economía social mediante a elaboración dun proxecto -individual ou colectivo-, optando a un premio de 5.000 euros á mellor proposta.











