A Laracha acollerá a 9ª Carreira Pedestre Costa da Morte o domingo 10 de maio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LarachaDeportes
A-
A+
Presentación do evento deportivo

Presentación do evento deportivo

A 9ª edición da Carreira Pedestre Costa da Morte – El Correo Gallego desenvolverase no Concello da Laracha o vindeiro domingo día 10 de maio. Esta mañá realizouse a presentación da proba nun acto presidido pola alcalde, José Manuel López Varela, e polo delegado do grupo El Correo Gallego na Costa da Morte, Jesús Trillo. Tamén estiveron presentes a concelleira de Deportes, Patricia Bello, e o técnico municipal de deportes, Miguel Barbeito.

A xornada desenvolverase en catro bloques diferenciados de acordo ás categorías de participantes establecidas, cos seguintes horarios previstos:

– 10:00 h: Categoría escolar (infantil, xuvenil e cadete). Percorrido: 5 km.

– 11:00 h: Categorías alevín e benxamín (nenos nados entre 2004 e 2007). Percorrido: 950 metros.

– 11:30 h: Categoría pitufos (nenos nados entre 2008 e 2011). Percorrido: 600 metros.

– 12:00 h: Categoría adultos (federados e non federados). Percorrido: 9,5 km.

En todas as carreiras a saída e a meta situaranse na explanada fronte ao IES Agra de Leborís e a biblioteca municipal da Laracha.

Os participantes nas probas de pitufos e alevín/benxamín realizarán un percorrido bordeando as instalacións do complexo deportivo da piscina municipal da Laracha (rúas Manuel Murguía, Lino Gómez Canedo, avenida Doutor López Astray, 1ª travesía Doutor López Astray e, de novo, rúa Manuel Murguía).

No caso das probas das categorías escolar e adultos, o traxecto será polas rúas Manuel Murguía, Plácido Pedreira, Argentina, Santa Lucía, Eusebio Bertoa Queijo, 3ª Travesía

Eusebio Bertoa Queijo e José Añón, para continuar pola estrada de As Calzadas cara Pereiro, A Balsa, A Areosa e A Botica antes de regresar ao punto de partida, novamente, polas rúas Argentina, Plácido Pedreira e Manuel Murguía

José Manuel López Varela mostrouse satisfeito por traer á Laracha un evento consolidado como unha das probas deportivas de maior relevancia na Costa da Morte pola súa excelente organización ano tras ano e as altas cifras de participación rexistradas en anteriores edicións.

Jesús Trillo lembrou que se repartirán máis de tres mil euros en premios e trofeos para os primeiros clasificados de cada categoría, diferenciando entre homes e mulleres e os grupos de idade. Ademais, todos os participantes que finalicen a súa proba recibirán un obsequio por parte dos organizadores, independentemente dos seus resultados.

O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o luns da próxima semana (día 4 de maio). As persoas que desexen anotarse de xeito gratuíoto ou consultar o regulamento da proba poden facelo na web https://championchipnorte.com/evento?search=laracha ou acudindo ao departamento de deportes do Concello da Laracha. Actualmente son máis de cincocentos os apuntados para participar no evento.

29 de abril de 2015 | 18:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.