A ilusión regresa a Lugo entre os días 3 e 9 de maio coa XXII Semana Internacional de Maxia

Presentación da Semana Internacional da Maxia
A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, acompañada polos Magos Rafa e Teto, presentaron a XII edición de Lugo Máxico, a Semana Internacional de Maxia de Lugo, que un ano máis trae á cidade a máis de 40 actuacións e 20 magos diferentes.
Desta maneira, Lugo, converterase na capital galega da maxia entre o 3 e o 9 de maio onde se darán cita magos chegados de diferentes partes do mundo e que farán numerosos espectáculos en diferentes espazos da cidade. Así, unha das novidades será as actuacións diarias á partir das 19 horas no Mercado Municipal da rúa Quiroga Ballesteros e aberto a todos os públicos.
“Un ano máis será unha semana da maxia solidaria xa que os diferentes magos levarán a súa ilusión con actuacións nos centros de convivencia e aos colexios da cidade para poder achegar a maxia a todas as persoas que non o poden desfrutar na rúa” segundo explicou Carmen Basadre.
Lugomáxico 2015 enche a cidade de ilusión durante unha semana levando a maxia a todos os rincóns da cidade, prazas, ociotecas, escolas infantís, centros sociais, hospitais, Ponte Romana, Auditorio e o Mercado Municipal serán escenarios desta edición, na que destacan 3 grandes galas como destacou o Maga Rafa. Ademais este ano tamén haberá maxia para escolares de luns a xoves ás 11.00 horas no Auditorio Gustavo Freire para os colexios que teñan reservado.
Galas no Auditorio
A XII Semana Internacional de Maxia de Lugo, arrincará o próximo 3 de maio no Auditorio Municipal Gustavo Freire, cunha Gala Inaugural a cargo do mago Jorge Blass, o televisivo mago español que presentará un espectáculo familiar titulado El Arte de la Magia. Será ás 18:00 horas e terá un prezo de 8 ou 10 euros dependendo da zona.
O venres 8 de maio a partir das 21 horas comeza a Gala de Maxia de Preto Homenaxe a René Lavand. Nesta novedosa gala contará con tres dos mellores magos do mundo na especialidade: Dani Daortiz, considerado sucesor de Juan Tamariz, Miguel Angel Gea, un dos mellores magos con moedas, e Christiam Enbglom, dende Finlandia. A entrada terá un prezo de 8 ou 10 euros dependendo da zona.
Finalmente, o sábado 9 de maio, terá lugar a Gran Gala Internacional Lugomáxico 2015 ás 21:00 horas. Unha vez máis unha gala espectacular cunha selección dos mellores magos do mundo chegados de diferentes partes do planeta para amosarnos a mellor maxia que se pode ver nestes momentos. Participarán os magos Morrison El Magnifico, Dobre Mandoble, Hector Mancha, Juan Maioral, One Gun e Yunke. O prezo das entradas será de 12 ou 10 euros dependendo da zona pero en todos os casos poderanse mercar a través da web >www.lugomaxico.es .











