A Guarda acollerá unha Feira do Libro con descontos dun 20% nos exemplares

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Guarda
A-
A+

O Concello da Guarda organiza un ano máis a “Feira do Libro”, coincidindo coa celebración do Día das Letras Galegas. O próximo domingo, 17 de maio, a Praza do Reló do municipio, se converterá nun escenario no que tanto os veciños e veciñas da localidade coma os visitantes, poderán gozar de diferentes actividades ó redor da literatura.

Durante todo o día, na céntrica praza, estarán colocados sete postos nos que se venderán libros con un 20% de desconto. As librerías que porán os seus exemplares á venda serán do Concello da Guarda “Atlántica”, “Ler” e Cervantes, de O Rosal, “Multinovas”, de Tomiño, “Verbas” e de Gondomar “Libraida”. Ademais o propio Concello da Guarda terá o seu propio posto con libros autoeditados.

Os postos abrirán en horario de 11 a 21 horas, de forma ininterrompida. A partir das 12,30 horas, está organizada unha sesión de contos tradicionais que está a cargo de Andrea Bayer.

Xa pola tarde, as 17 horas, comezará un obradoiro infantil no que os rapaces e rapazas traballarán na figura do escritor Filgueira Valverde e tamén conmemorarán coas actividades o Día das Letras Galegas.

Unha hora máis tarde, Elena Gallego, a autora da triloxía “Dragal” e coñecida como a “J.K Rowling galega”, firmará os seus libros nun dos postos aloxados na Praza do Reló. Ás 19 horas, o monologuista lugués Oswaldo Digon, coñecido en todo o panorama nacional polas súas funcións nos teatros e tamén por participar no programa de televisión “El club de la comedia”, ofrecerá un espectáculo no que as gargalladas entre o público están aseguradas.

O finalizar este espectáculo terá lugar un sorteo de libros entre todos os presentes. Como en edicións pasadas, nos que se chegaron a vender máis de 800 libros nunha soa xornada, o Concello da Guarda espera que a feira sexa un total éxito. Con esta programación búscase achegar a literatura a todos os veciños e veciñas da localidade e ademais festexar unha data tan sinalada como é o Día das Letras Galegas. En caso de choiva as actividades realizaranse na Casa dos Alonsos

29 de abril de 2015 | 19:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.