A gardería municipal da Ulloa acolle unha charla sobre alimentación na infancia dirixida a pais e nais da escola infantil
O Concello de Oroso retoma mañá mércores 15 de abril as charlas informativas dirixidas aos pais e nais da escola municipal da Ulloa, que se comezaron a impartir en outubro e novembro de 2014 e acadaron tanta participación que xa daquela o Concello se comprometera a organizar novas sesións no primeiro semestre de 2015. A primeira desas sesións será “Alimentación na infancia” e terá lugar mañá mércores 15 de abril, de 17:00 a 19:00 horas, na gardería municipal da Ulloa. A participación é totalmente de balde, se ben é preciso comunicala antes na propia gardería (981 691 505) ou nos Servizos Sociais do Concello de Oroso (981 68 89 50).
O concelleiro de Familia, Antonio Leira, explica que “o obxectivo destas xornadas é que os pais e nais dos meniños da gardería teñan un lugar no que tratar temas de interese sobre os seus pequenos, ao tempo que poden resolver calquera das dúbidas que se lles presenten”. Por iso, a estrutura da xornada é sempre a mesma: unha pequena exposición práctica do tema a debater e logo unha queda de preguntas que adoita estenderse case unha hora.
Se nas dúas primeiras charlas se abordaron cuestións relacionadas coa seguridade dos pequenos (cun curso de pequenos auxilios e outro de prevención de accidentes no fogar), a de mañá mércores xirará en torno a como conseguir unha alimentación correcta e equilibrada nos pequenos, que axude a previr calquera desorde alimentaria.











