A fotografía “Tiempo para pensar” gaña o concurso “Paisaxes de Caión”

Fotografía gañadora
Unha imaxe que mostra unha ola rompendo fronte ao paseo marítimo de Caión mentres tres persoas observan en calma a estampa resultou gañadora do concurso de fotografía artística “Paisaxes de Caión”. Este foi convocado polo Concello da Laracha e o proxecto GAC “Mar de Caión” e levouse a cabo entre o 6 de marzo e o 9 de abril de 2015.
O autor da fotografía, titulada “Tiempo para pensar”, é Horacio Rodríguez Rodríguez. Nunha fase inicial presentáronse 31 fotografías, das cales 10 foron seleccionadas por un xurado profesional (Raúl Lorenzo, fotógrafo; Francisco Rojo Villar, fotógrafo; Pedro Tasende, xornalista; e Adrián Viña, gabinete de comunicación do Concello da Laracha) como semifinalistas. Nunha fase de votación popular entre os fans da páxina de Facebook “Mar de Caión” con 215 “me gusta” foi escollida xunto con “Atardeceres” e “As estrelas de Caión” como unha das tres finalistas. Por último resultou gañadora por unanimidade do xurado na última fase de selección. Así, Horacio Rodríguez poderá gozar dunha comida ou cea para dúas persoas nun establecemento da rede de hostaleiros Mar de Caión.
A expectación do concurso, a súa viralidade e as interaccións dos fans de Facebook fixeron que a páxina “Mar de Caión” pasara durante este mes dos 795 aos 878 seguidores.
Este certame enmárcase na segunda fase do proxecto GAC financiado con fondos europeos “Mar de Caión”, que ten como principal cometido promover e dar a coñecer os recursos relacionados co mundo e a cultura mariñeira e o coidado da contorna natural de Caión. Nesta segunda parte do proxecto celebráronse certames nos que se fixo partícipe aos seguidores da páxina de Facebook: o I Concurso de fotografía móbil “Mar de Caión” (novembro 2014), o I Concurso de receitas de Nadal “Mar de Caión” (xaneiro 2015) e este último Concurso de fotografía artística “Paisaxes de Caión” (abril 2015). Tres eventos que fixeron aumentar a comunidade da rede social en case 300 fans.











