A Fegamp impartiu unha xornada informativa sobre facturación eléctrica na Laracha

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

A Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), en virtude do convenio entra esta entidade, o Instituto Galego de Consumo (IGC) e o Instituto Enerxético de Galicia (Inega) para a creación dunha Unidade de Aforro Eléctrico Local, levou a cabo esta mañá na Casa da Cultura da Laracha unha xornada informativa sobre facturación eléctrica.

Á sesión acudiron unha vintena de persoas, todas elas edís, técnicos e empregados municipais de concellos situados nas comarcas de Bergantiños, A Coruña, Betanzos e Terra de Melide.

A xornada comezou cunha benvida de José Manuel López Varela a todos os asistentes, tanto en calidade de alcalde do Concello da Laracha como de membro da executiva da Fegamp. A continuación, técnicos do Inega e do IGC especializados na materia expuxeron a situación actual do mercado eléctrico co obxectivo de que os municipios poidan mellorar na xestión da enerxía eléctrica que consumen, corrixan posibles erros de facturación e logren aforrar, toda vez que se trata de grandes consumidores (alumeado de vías públicas e edificios, bombeos de auga e saneamento, etc…) e que ese concepto supón en moitos casos o segundo maior gasto corrente para os concellos.

Por exemplo, os ponentes recomendaron non dar por boas de xeito automático o recibo das eléctricas porque na facturación interveñen varios actores e poden conter erros, adecuar as potencias contratadas ás necesidades actuais do municipio, aproveitar a posibilidade da discriminación horaria, negociar conxuntamente cada ano toda a enerxía que se consuma no concello ou crear os mecanismos necesarios para sacar a enerxía a licitación.

Por último, os presentes puideron formular preguntas e aclarar dúbidas técnicas e xurídicas en relación ás incidencias ou problemas que se presentan a día de hoxe nos Concellos en relación á facturación eléctrica.

13 de abril de 2015 | 18:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.