A Federación Veciñal de Vigo denuncia a Caballero no xulgado por vetar este movemento

A Federación Veciñal de Vigo presentando a denuncia a Caballero
A Federación de Asociacións Veciñais de Vigo, Favec, que aglutina 29 entidades, presentou este mércores no xulgado de instrución número 7 unha denuncia contra o alcalde, Abel Caballero, contra o seu seu concelleiro de Participación Cidadá, Santos Héctor Rodríguez, e contra o xefe de servizo desta concellaría, por “ningunear” á Federación, “vetala” e tratar de asfixiala economicamente.
A presidenta da Federación, María Pérez, explicou, en declaracións aos medios, que a denuncia inclúe a proposta de testemuños e numerosa documentación que, segundo apuntou, acreditaría que o goberno local exerce “presión” sobre esta entidade veciñal, e utiliza “prácticas ‘barriobajeras'”.
Pérez, quen foi testemuña na investigación aberta (precisamente por ese mesmo xulgado) por supostas irregularidades na contratación dunha familiar de Carmela Silva, afirmou que o Concello actúa contra a Favec como “represalia” pola actitude crítica deste organismo cara a certas políticas municipais.
A ese respecto, recordou que a administración local ten pendente de pagar á Federación o importe de varios convenios e, segundo indicou, entre eses convenios e un plan de emprego pendente de ser aprobado, a débeda pode roldar os 300.000 euros. “Son 300.000 euros que deixarían á Favec con superávit”, engadiu.
Por outra banda, María Pérez recordou que, ademais de “vetar” a intervención da Federación no Pleno, as primeiras “represalias” se exerceron contra ela mesma, cando foi despedida dunha contrata que xestionaba os centros cívicos (despedimento que foi cualificado de improcedente polos tribunais).
A presidenta do movemento veciñal recordou que o papel da Favec é “defender os veciños” e que debe ser crítica con aquelas institucións que lles prexudiquen, sexa o Concello, a Xunta ou a Deputación. “Non nos poden vetar, isto non pode continuar, non se poden consentir as represalias e presións”, concluíu.











