A Federación Galega de Motociclismo homenaxea ao Team Bernárdez

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportes
A-
A+

Mañá sábado 11 de abril celebrarase unha Homenaxe ao Team Bernárdez formado polos pilotos Aarón, Abel e Moisés Bernárdez e ao seu pai José Bernárdez. Ao longo da súa dilatada traxectoria deportiva os tres pilotos lograron numerosos títulos nos Ctos. de España de Motocrós, entre os que destacou o título de Subcampión de Europa de Motocrós de Moisés Bernández no ano 1995 ou os 9 títulos de Campión de España de Motocrós 125 c.c. que logrou entre os anos 1991 e 2000.

Durante unha década dominaron o Campionato de España de Motocrós, pois nos anos 1993 e 2001 foi o seu irmán xemelgo Abel quen obtivo o título de Campión de España de Motocrós 125 c.c. con Moisés como Subcampión de España.

O menor da familia, Aarón, ademais de lograr varios títulos de Campión e Subcampión de España de Motocrós, nos últimos anos da súa carreira deportiva quixo probar noutra especialidade diferente, o Enduro, onde obtivo título de Terceiro Clasificado no Campionato de España da cilindrada superior E3 durante tres anos consecutivos (de 2009 a 2001) e o de Subcampión ao ano seguinte (2002).

O seu pai, José Bernárdez, ademais de dirixir o equipo tivo que realizar as máis diversas funcións, como mecánico, condutor, etc. Por se non fose suficiente, durante 27 anos estivo á fronte da Federación Galega de Motociclismo da que foi presidente desde a súa fundación, no ano 1987, ata o pasado ano 2014.

Motivo polo que os seus amigos que lle acompañaron durante anos nas carreiras e na Federación queren renderlle esta Homenaxe que se celebra mañá sábado a partir das 20:30 h. cunha cea nun coñecido restaurante na parroquia de O Hio, na súa localidade Cangas do Morrazo, acompañada coa proxección de imaxes e vídeos de competicións e actos nos que participaron durante todos estes anos.

Confirmaron a súa asistencia a este acto destacadas personalidades como o Presidente da Real Federación Motociclista Española, Angel Viladoms, o actual Presidente da Federación Galega de Motociclismo, Fernando Fernández, etc.

10 de abril de 2015 | 12:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.