publicidade hoxe

A fachada do Concello de Chantada converterase no taboleiro xigante do concurso científico Big Ciencia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaChantadaLocal Portada
A-
A+

A fachada do Concello de Chantada será mañá o taboleiro de xogo de Big Ciencia, o novidoso concurso para todos os públicos sobre ciencia e innovación impulsado pola Consellería de Economía e Industria. Tras o éxito colleitado na anterior edición en cinco cidades e no Nadal en Santiago, a de mañá será a despedida desta segunda xira, logo de facer parada desde a semana pasada en Verín, Lalín e Ferrol.

Coñecido por converter as fachadas de emblemáticos edificios en xigantescas pantallas, Big Ciencia terá tamén en Chantada un escenario de luxo, ao proxectarse as preguntas e respostas do concurso a grande escala sobre a Casa Consistorial. O xogo comezará ás 21:30 horas e nel poderán participar todos os veciños e veciñas que se animen a medir os seus coñecementos fronte a un rival, sen necesidade de inscribirse previamente.

O obxectivo desta actividade organizada pola Axencia Galega de Innovación é achegar a ciencia e a innovación á cidadanía dun xeito ameno e divertido nas rúas da súa vila. Trátase dunha acción de divulgación científica que conta cun espectacular e innovador formato, xa que combina ao aire libre o concepto clásico de xogo de coñecementos coa proxección arquitectónica de gran formato.

Tras triunfar en 2013 en cinco cidades galegas e no Nadal en Santiago, este mes Big Ciencia retomou a súa xira por Galicia aterrando como novidade en núcleos de poboación máis pequenos co obxectivo de chegar a novos públicos, aproveitando ademais que as temperaturas primaverais invitan máis a xogar ao aire libre.

Un formato espectacular

A proxección das preguntas e respostas sobre as fachadas de edificios de características moi diferentes é o que fai que este orixinal evento resulte espectacular, convertendo cada acción en única.

A mecánica do Big Ciencia é moi sinxela, co obxectivo de facela accesible para todos os públicos, independentemente do seu nivel de coñecementos e idade. O concurso botará a andar no momento no que dúas persoas se sitúen ante os pulsadores e a xigantesca pantalla. As preguntas serán tipo test e os participantes deberán elixir a resposta correcta de entre catro posibles, contando coa axuda dos espectadores para facelo. Este comodín do público fomentará a participación de todos os asistentes ao concurso, que como quedou demostrado nas citas anteriores engancha desde un principio dada a súa axilidade.

Big Ciencia forma parte da programación de actividades de divulgación científica promovidas pola Consellería de Economía e Industria a través da Axencia Galega de Innovación.

24 de abril de 2015 | 16:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.