A exposición “O deseño na oficina no século XX. Da máquina de escribir ao computador persoal” inaugúrase mañá

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

O Centro Cultural Torrente Ballester (CTB) acollerá mañá venres a partir das 20:00 horas a inauguración da exposición “O deseño na oficina no século XX. Da máquina de escribir ao computador persoal”, que forma parte da programación expositiva da Concellería de Cultura do Concello de Ferrol, que dirixe Manuel-Reyes García Hurtado. Anteriormente, ás 19:00 horas se realizará unha mesa redonda que contará coa presenza de Alfredo Sirvent, un dos maiores especialistas en máquinas de escribir; e Luis Sirvent, copropietario da Colección Sirvent.

Esta mostra, que estará aberta ao público até o vindeiro 28 de xuño, percorrerá a historia da máquina de escribir e a súa influencia no deseño, o comercio e a sociedade do século XX da man da Colección Sirvent. “O deseño na oficina no século XX. Da máquina de escribir ao computador persoal” establece un punto de partido dende o que asomarse á sofisticación da escritura e ao desenvolvemento do deseño na oficina até o seu desprazamento definitivo ao universo dixital. Na exposición preséntanse tanto modelos tradicionais como peculiares exemplares que permiten comprender o paso do mecánico ao tecnolóxicos. Dende máquinas de escribir encriptadas, máquinas de xoguete, teclados de escritura braille, máquinas eléctricas e electrónicas até os primeiros modelos de ordenadores, que nas súas primeiras manifestación constituían un híbrido entre a máquina de escribir e o computador persoal.

Así mesmo, a Colección Sirvent conta tamén con diversos útiles de oficina e un amplo conxunto de pósters, fotografías e carteis que exemplifican as diferentes estratexias do deseño e da publicidade nos últimos tempos. Ao longo da mostra, enriquecendo o repertorio de máquinas, utensilios de oficia e pósters da Colección Sirvent, as obras de José Lourenço, Misha Bies Golas e Ignacio Uriarte ilustran a plasticidade da máquina de escribir, reflexionando sobre a singularidade e expandido o seu uso.

23 de abril de 2015 | 14:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.