publicidade hoxe

A estrada PO-252 Mondariz – Moscoso estará cortada ao tráfico por mor da execución das obras de mellora do trazado

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMondarizPontevedra
A-
A+

A estrada PO-252 Mondariz-Moscoso permanecerá cortada ao tráfico en xeral, agás para o transporte escolar, entre os puntos quilométricos 2+000 e 2+600 desde hoxe, 13 de abril ata o 18 de maio aproximadamente debido ás obras de mellora de trazado que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas está a executar.

As obras, nas que se investirán 165.000 euros, teñen como obxectivo rectificar o sinuoso trazado da estrada nun treito comprendido entre Arnela e Quintáns, no que o vial conta na actualidade con varias curvas consecutivas de pequeno radio.

A estrada quedará conformada neste tramo por dous carrís de 3 metros, beiravías de 1 metro e gabia revestida de seguridade de 1,25 metros. O firme nas zonas de ensanche ou de novo trazado estará constituído por 25 centímetros de grixo artificial, capa intermedia de 6 centímetros de espesor de mestura bituminosa en quente e capa de rodadura de 5 centímetros do mesmo composto. Completarase esta actuación coa instalación dunha barreira de seguridade así como sinalización horizontal e vertical.

Desvío alternativo

Para a execución destes traballos é necesario cortar a estrada ao tráfico, polo que se vén de establecer un desvío alternativo, que estará en todo momento sinalizado. O tráfico desvíase pola estrada provincial EP-4301 e mais a local a Urxeira-Igrexa (antes do cemiterio de Frades), que intersectan coa PO-252 nos puntos quilométricos 1+700, en Arnela, e 3+100, na travesía de Quintáns, respectivamente.

13 de abril de 2015 | 17:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.