A edil de Educación en Vilagarcía censura a frivolidade e falta de sensibilidade de Tania García no uso da palabra maltrato

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

A Concelleira de Educación, Rocío Llovo, considera totalmente inxustificadas e saídas de ton as críticas que Tania García verteu contra ela pola intervención do último Pleno en relación ao posible peche da Escola Unitaria do Pedroso (Bamio). Llovo del Río recrimina á voceira socialista que manipulara as súas palabras sacándoas por completo de contexto con fins electoralistas. Pero o que máis lle molestou foi a “frivolidade” coa que García usou a palabra “maltrato”, “amosando unha falta total de sensibilidade coas vítimas desta lacra social”.

Respecto á actitude maltratadora que a socialista lle atribúe á concelleira de Educación por non despedirse dos pais que acudiron ao Pleno, aparte da “lixeireza e pouco apropiado do termo”, Llovo explicou que o goberno dispensou ao colectivo o respecto que merecen todos os veciños, permitíndolles tomar a palabra para expoñer a problemática e respondéndolles en todo. A edil explica que nunca se despide ás persoas que acoden aos plenos “e a oposición non dixo nada ata que nos atopamos a menos dun mes das eleccións municipais. Eu entendo que isa é unha forma de actuar electoralista da Sr. García; e un disparate aínda maior pola súa parte é que me critique por non facer o mesmo”. A popular pregúntase que diría a voceira socialista si, a diferenza dos anteriores plenos, na recta final para as municipais, a concelleira vai o luns a despedirse persoalmente dos asistentes ao Pleno.

Llovo del Río esixe a García que deixe de usar a terxiversación como arma para facer campaña para o seu partido, xa que o que a responsable de Educación dixo no Pleno foi que o descenso de poboación conleva unha baixada na natalidade en Bamio, que é unha das causas, e non a única, de que non se chegara ás 6 matrículas que esixe a Xunta para manter aberta a Unitaria do Pedroso o próximo curso”.

Por último, a concelleira de Educación ve un claro interese da oposición en obviar e incluso ocultar á opinión pública que en Bamio existe outra Escola Unitaria, a do Vilar, que superou con folgura o listón de matriculación para continuar operativa e que pode acoller aos catro nenos do Pedroso, sen ter que teñan que saír da propia parroquia.

29 de abril de 2015 | 19:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.