A directora de Turismo viaxa a Colombia para continuar coa promoción internacional da comunidade
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, inicia hoxe unha viaxe institucional a Colombia. Invitada pola Agencia Española de Cooperación Internacional para el Desarrollo, AECID, Nava Castro participará no Encontro Iberoamericano sobre desenvolvemento sostible e turismo que terá lugar dende o vindeiro mércores 15 de abril ata o venres 17 de abril no Centro de Formación da Cooperación Española (CFCE) na cidade de Cartaxena de Indias.
O encontro pretende poñer en relevo a importancia de establecer e debater entre todas as institucións vinculadas directa ou indirectamente co sector as oportunidades que ofrecen os destino turísticos para o desenvolvemento de ámbitos urbanos, a protección do medio ambiente, a xeración de actividade económica, o fomento da diversidade cultural, o desenvolvemento dunha cultura de paz e, en definitiva, de mellorar a calidade de vida da poboación.
Neste marco, a directora de Turismo de Galicia participará na mesa redonda ‘Planificación do turismo para un desenvolvemento sostible e integral’, onde ofrecerá un relatorio do Camiño de Santiago como exemplo de desenvolvemento turístico-sostible, e no foro ‘Xestión urbana integral de destinos turísticos de calidade’, no cal impartirá unha conferencia sobre o desenvolvemento dunha cidade a través do turismo de calidade.
Así mesmo, na súa viaxe, Nava Castro, manterá diversos encontros institucionais e comerciais. Deste xeito, a responsable de Turismo da Xunta reunirase este mércores 15 de abril co embaixador de España en Colombia, Ramón Gandarías. Por outra parte, o venres 17 de abril Nava Castro manterá un encontro coa vicepresidenta do Grupo Aviatur, o grupo turístico máis importante de Colombia; co Grupo de Comunicación “El Tiempo”; e coa secretaria da Mesa de Traballo de Turismo de Saúde e Benestar.
Visita Centro Cultural e Educativo Español “Reyes Católicos”
Tamén na xornada do venres, a directora de Turismo de Galicia, visitará o Centro Cultural e Educativo Español “Reyes Católicos” na cidade de Bogotá.
Durante a súa visita, Nava Castro dará unha conferencia aos alumnos do Centro sobre o Camiño de Santiago.
Presentación Destino Galicia
Para rematar a viaxe institucional e o conxunto de accións de promoción, a directora de Turismo de Galicia realizará unha presentación de Galicia como destino turístico aos axentes e touroperadores máis importantes do país.











