A Deputación financiará a reforma da ponte da Gándara en Pontevedra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraPontevedra
A-
A+

O Pleno da Deputación de Pontevedra aprobará, na súa próxima sesión, a obra de reparación da ponte da Gándara logo de que o organismo provincial e o Concello de Pontevedra chegasen a un acordo para acometer esa obra. 

A Deputación entende que se trata dunha actuación “prioritaria e necesaria para favorecer unha mellor comunicación coa estrada Pontevedra-Vilagarcía, favorecendo que os veciños da zona non teñan que saír pola zona dos bombeiros”, asegurou Rafael Louzán.

Cun orzamento de 130.535 euros, o proxecto, financiado integramente pola Deputación con cargo ós investimentos en cooperación con entidades locais, contempla a reparación e/ou reconstrución da ponte co fin de garantir a súa perfecta conservación.

O obxectivo da obra é mellorar a plataforma da ponte para garantir a seguridade do tráfico rodado e de peóns, para o cal, segundo avanzou o presidente da Deputación, se estudaron varias posibles actuacións nesa zona do río Rons, todas co fin de garantir o respecto e a conservación do contorno, declarado zona protexida ó ser un Espazo Natural de Interese Local (ENIL).

Na actualidade a ponte só permite a circulación dun vehículo sobre ela. O proxecto contempla, ademais da reconstrución da ponte da Gándara, a instalación dun paso independente para peóns, a posible mellora das condicións de desaugamento baixo a infraestuctura e o acondicionamento da conexión entre as sendas que hai a ambos os lados do río. Tamén se formula aumentar a resistencia e mellorar o desaugamento do río sen variar as rasantes nin o seu leito.

Mellora da conexión coa estrada de Vilagarcía

Como obras accesorias á reparación da ponte o proxecto inclúe a rehabilitación do camiño que comunica a zona coa estrada de Vilagarcía. Contémplase a pavimentación da vía e o acondicionamento de dous pasos de peóns para dar continuidade ás sendas da Xunqueira, traballos cos que se quere mellorar a visibilidade na zona, a supresión de barreiras así como a diminución da velocidade dos vehículos que acceden á ponte mediante a instalación de dous lombos redutores de velocidade.

A Deputación de Pontevedra e o Concello asinarán tamén un convenio para a execución desta obra xunto a outras dúas actuacións previstas polo organismo provincial na rede viaria da cidade. Trátase de mellorar a pavimentación da antiga EP-0003 Pedra do Lagarto-Marcón, por importe de 184.645,04 euros, e o firme da antiga EP-0013 Mollabao-Sixto, cun orzamento de 241.605,84 euros.

10 de abril de 2015 | 18:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.