A Deputación de Pontevedra pon en marcha 71 cursos para xóvenes co plan Actívate 2015

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

Segundo o acordo aprobado este venres na Xunta de Goberno, 57 concellos da provincia impartirán 71 cursos de formación incluídos no plan Actívate 2015, un programa dirixido a mozos de 16 a 35 anos de idade que, nesta ocasión, oferta máis de 30 especialidades diferentes.

Os cursos teñen unha duración de 40 horas, que se impartirán dous días á semana; con eles preténdese ofrecerlles ós máis novos actividades formativas de interese tanto para o seu desenvolvemento profesional coma social e persoal.

Unha vez pechado o prazo de solicitude foron 57 os concellos da provincia, dous máis que na anterior convocatoria, os que demandaron poder impartir no seu termo municipal algún dos cursos que oferta a Deputación.

Os concellos de máis de 15.000 habitantes que se acolleron a este programa poderán desenvolver dous cursos diferentes, mentres que nos de menos de 15.000 se ofertará un único obradoiro.

71 cursos de formación

Nesta convocatoria os obradoiros abarcan máis de 30 especialidades diferentes. Inclúense cursos nas áreas de: novas tecnoloxías (Internet e Correo Electrónico; Iniciación á Informática; Retoque Fotográfico por Ordenador; Iniciación ás Redes Sociais; Elaboración de Páxinas Web); agricultura (Herboristería, Herbas Medicinais; Creación dunha Horta Ecolóxica…); artesanía (Obradoiro de Coiro; Cestería; Deseño e Estampado de Camisolas; Elaboración de Xabóns Caseiros e Perfumes Artesanais; Traballos Manuais en Tea, Papel,  Madeira e Outros Materiais…); actividades artísticas (Pintura e Debuxo Artístico; Fotografía, Retoque Fotográfico por Ordenador); reparacións domésticas e bricolaxe (Xardinería; Pintura e Restauración de Mobles; Tapicería; Mecánica Básica do Automóbil, Reciclaxe e Reutilización…); cociña (Cociña Tradicional Galega; Repostería; Tapas, Petiscos e Canapés; Curso Práctico de  Clasificación de Cogomelos Comestibles…) e servizos ás persoas (Linguaxe de Signos; Deseño, Planificación e Desenvolvemento de Actividades de Lecer e Tempo Libre; Coidados Básicos para Persoas Dependentes; Aplicación de Técnicas de Seguridade e Primeiros Auxilios; Acompañante de Transporte Escolar; Acompañante de Comedor Escolar…).

11 de abril de 2015 | 13:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.