A Deputación de Pontevedra destina 259.000 euros a 38 concellos para cubrir as demandas de carácter urxente

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

Na Xunta de Goberno desta mañá a Deputación de Pontevedra aprobou destinar 259.000 euros a 38 concellos de menos de 20.000 habitantes para cubrir as demandas de carácter urxente e puntual das persoas nunha situación de exclusión social ou en risco de estalo, con especial atención ás  familias con menores ó seu cargo.

Estes fondos básicos de emerxencia prestan apoio ás familias e persoas con dificultades económicas para pagar as necesidades básicas como a alimentación, a vivenda ou a atención sociosanitaria. Tamén permiten a continuidade dos menores no seu contorno familiar ó aboar os gastos que garanten a  súa permanencia no fogar.

No acordo aprobado hoxe as contías destinadas a cada un dos concellos beneficiarios oscilan entre os 5.500 e os 8.500 euros, en función da poboación e a taxa de paro e respectando as cantidades subvencionadas na convocatoria anterior.

1.800 familias beneficiarias

Con estas axudas en 2014  atendeuse a preto de 1.800 familias . As persoas beneficiarias destas axudas básicas de emerxencia serán maiores de idade, empadroadas en calquera dos municipios solicitantes, que xestionen a súa demanda a través dos servizos sociais comunitarios municipais do seu concello e que carezan de ingresos suficientes para lles facer fronte ós gastos polos que se solicita a axuda.

Alimentación, farmacia, vivenda, infancia…

Teñen prioridade na distribución destes fondos as axudas destinadas á alimentación: para comprar alimentos, en especial os perecedoiros como complemento ás achegas de entidades de iniciativa social, así como alimentos para bebés ou persoas con dietas especiais debido a restricións alimenticias prescritas por un facultativo (celíacos, diabéticos, etc.). Tamén para uso da vivenda: para pagar débedas de alugueiro que impiden o desafiuzamento, hipotecas (de maneira excepcional, cando a contía dunha das cotas sexa inferior a 450 € e a débeda non sexa maior de seis cotas), recibos que eviten a perda de subministracións básicas da vivenda e palíen situacións de empobrecemento enerxético (recibo de electricidade, gas, gasóleo ou auga), produtos limpeza (lixivia, líquido lavalouza e outros) e de aseo persoal (xabón, desodorizante, produtos de hixiene feminina, etc.). Estas axudas tamén se destinan a pagar produtos farmacéuticos, electrodomésticos básicos e incluso desprazamentos asistenciais ou sanitarios fóra do propio concello cando se deban a tratamentos, xestións ou actividades que non poidan ser levadas a cabo dentro deste. Estas axudas poden destinarse ademais para apoio á infancia.

10 de abril de 2015 | 18:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.