publicidade hoxe

A Deputación de Pontevedra aproba o proxecto do Centro de Atención ao Maior no Novo Mercado da Estrada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Estrada
A-
A+

O alcalde da Estrada, José López, informa que a Xunta de Goberno da Deputación Provincial de Pontevedra aprobou na sesión celebrada esta mañá o proxecto do Centro de Atención ao Maior no primeiro andar do edificio do Novo Mercado, así como unha aportación de 240.000 euros para custear a totalidade da reforma do espazo. José López sinala que este Centro de Atención ao Maior “completará o carácter polivalente do Novo Mercado” e “axudará a suplir unha das carencias existentes na Estrada dende hai moitos anos, como é a dispoñibilidade dun espazo de convivencia para os nosos maiores cun enfoque asistencial pero tamén lúdico”.

En canto ao proxecto, o alcalde salienta que o centro ocupará unha superficie de 752 metros cadrados (incluida unha terraza de 107,2 m2) e disporá de zona de recepción, dirección, administración, aseos, patio común, despachos e tres salas para actividades, tendo a máis grande delas unha superficie de 161 m2. José López avanza que as obras de reforma e acondicionamento do recinto deberán executarse nun prazo máximo de seis meses e, de xeito paralelo, o goberno local deberá traballar na definición da fórmula de xestión, tanto a través do Departamento de Servizos Sociais como mediante a colaboración con entidades externas especializadas na atención aos maiores. No primeiro andar do Novo Mercado, este Centro de Atención ao Maior compartirá pranta co Aula de Estimulación Cognitiva para enfermos de alzhéimer e co Viveiro de Empresas.

30 de abril de 2015 | 17:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.