publicidade hoxe

A Deputación de Ourense asinou o ingreso no accionariado da estación de Manzaneda

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaManzanedaOurense
A-
A+
Sinatura do ingreso

Sinatura do ingreso

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, asinou hoxe o ingreso da institución provincial no accionariado da estación de montaña de Manzaneda. Desta maneira, a Deputación adquire o 28 % das accións de Meisa converténdose no segundo accionista da empresa por detrás da Xunta de Galicia. O presidente do goberno provincial afirma que a Deputación “fai que se visualice unha aposta contundente por vertebrar o territorio nunha zona na que especialmente temos que favorecer o seu desenvolvemento como é a contorna de Manzaneda, Trives e Chandrexa de Queixa”.

Explica Manuel Baltar que a Deputación “volve ao accionariado da estación de montaña de Galicia, logo da recuperación da facenda provincial, para estar novamente presentes nos órganos de xestión de Meisa”.

Este foi un acordo unánime do pleno da Deputación de Ourense a proposta do grupo Popular no primeiro debate sobre Estado da Provincia, e hoxe formalizouse o acordo, correspondéndolle á Deputación de Ourense o 28 % das accións, mercándolle o 14 % a OCA Hoteis, a empresa que xestiona o complexo de montaña e o outro 14 % á Xunta de Galicia.

“O obxectivo –subliña o presidente provincial- é apoiar dende a Deputación para que Meisa siga a xestionar co eficacia, modernidade e eficiencia, como o está facendo dende que OCA Hoteis entrou no accionariado, a estación de montaña de Galicia, algo que temos que impulsar para favorecer o desenvolvemento desta contorna da provincia de Ourense e facer da estación de Manzaneda un polo de atracción turística desta comarca, de Ourense e de Galicia”.

Manuel Baltar afirma que temos a intención de aprobar “todos aqueles proxectos que redunden nesa idea de polo turístico singular, iniciativas entre as que figuran xa a instalación de canóns de innovación. Para a Deputación de Ourense a estación de Manzaneda é un tema clave porque estamos a falar de auga e termalismo como desenvolvemento provincial, ao que se une a tempada de inverno onde tamén temos auga convertida en neve. En definitiva, auga, pedra, natureza, paisaxe, sendeirismo, deporte e medio ambiente, é dicir, Manzaneda conta con todo o que debe diferenciar a Ourense doutros territorios en canto á oferta turística”.

En opinión do presidente, “trátase de consolidar o desenvolvemento dunha infraestrutura xa existente, situada na contorna máis despoboada da provincia de Ourense, pero tamén a zona que pode converterse nunha das máis dinámicas precisamente pola gran afluencia de visitantes”.

Nos últimos anos a Deputación de Ourense ten feito xa importantes investimentos e iniciativas para dinamizar a estación de Manzaneda entre os que figuran actuacións en materia de infraestruturas viarias e tecnolóxicas e tamén coa posta en marcha do Programa “Esquiou”, para escolares, unha iniciativa dirixida a menores de entre 9 e 12 anos que ten como obxectivo promover a práctica do esquí entre nenas e nenos da provincia de Ourense.

Unha vez formalizada a transmisión, o accionariado de MEISA queda constituído da seguinte maneira: Xunta de Galicia, 34 % de acciones; Deputación de Ourense, 28 %; Oca Hoteis, 23,6 %; e os concellos de Trives e Manzaneda, que se reparten a partes iguais o 14,4 % das accións restantes.

27 de abril de 2015 | 17:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.