publicidade hoxe

A Deputación de Lugo esixe ao Concello de Castro de Rei que desbloquee a apertura do centro de recría provincial

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCastro de ReiLocal PortadaLugo
A-
A+

A Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, anunciou hoxe que o Grupo provincial socialista levará ao Pleno que se celebra de mañá unha moción para esixir ao Concello de Castro de Rei que desbloquee a posta en marcha do Centro público de recría de gando vacún que o organismo provincial ten construído na Granxa Gayoso Castro.

Méndez destacou a “falta de lealdade institucional do Alcalde de Castro de Rei, que está a bloquear a apertura do centro de recría”, xa que a Deputación, coas obras rematadas e contando con todos os permisos ambientais concedidos pola Xunta, só está a agardar pola acta de comprobación das obras, un trámite burocrático elemental que depende exclusivamente do Concello.

A Vicepresidenta destacou que “o rexedor de Castro de Rei xustifica a parálise deste trámite municipal descargando a responsabilidade na Xunta cando non é certo”, subliñou Méndez. De feito, o pasado 28 de xaneiro a Deputación rexistrou un escrito no Concello no que achegaba o preceptivo informe favorable da Consellería de Medio Ambiente e, o 9 de febreiro, fixo o mesmo cunha petición expresa para que o Concello realizase a acta de comprobación á que, polo momento, este aínda non respondeu.

O 1ª Centro público de recría de gando vacún de España, con capacidade para 3.000 reses e no que a Deputación investiu 12 millóns de euros en solitario, será un destacado revulsivo económico para toda a provincia, posto que a súa actividade inxectará uns 4 millóns de euros ao ano, ademais de conseguir aumentar a produtividade, rendabilidade e competitividade das explotacións luguesas, pois os animais acadarán un alto valor produtivo e xenético, de xeito que os gandeiros terá máis tempo e recursos para dedicarllos ás vacas; aforrarán na compra de forraxe, reducirán a contaminación ambiental, e baixarán tamén a carga gandeira, o que poderá darlles acceso a novas axudas públicas.

27 de abril de 2015 | 17:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.