A Deputación da Coruña oferta un campamento bilingüe para a mocidade de 14 a 17 anos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, presentou esta mañá o programa de campamentos de verán 2015 que se realizan no colexio Calvo Sotelo desde o ano 1991 e que para este verán terá novidades. A máis importante será a de crear 180 novas prazas destinadas a mozos e mozas de entre 14 e 17 anos. “Trátase dun colectivo que demanda actividades de ocio, pero para o que normalmente hai pouca oferta”, admitiu Calvo, de aí que a Deputación decidise facer esta incorporación.

Este grupo contará ademais cunha oferta en exclusiva para eles e que tamén se incorpora neste ano: a posta en marcha dun campamento bilingüe, unha auténtica inmersión lingüística para os participantes ao realizar as actividades en castelán e en inglés. Así, practicarán este idioma en todas as súas modalidades: expresión e comprensión escrita e expresión e comprensión oral en niveis avanzados e con profesores nativos.

Respecto dos nenos e nenas de menos idade, mantéñense as 540 prazas do ano anterior repartidas en tres quendas dunha semana cada unha.

Durante eses días os rapaces poderán gozar de todo tipo de actividades tanto deportivas coma culturais, con saídas a museos e monumentos da comarca. Coñecerán así a Torre de Hércules, os castelos de San Antón e Santa Cruz, o castro de Elviña ou os  Museos Científicos Coruñeses.

No que se refire ao deporte, haberá dende fútbol e baloncesto ata piragüismo, kaiak e actividades multiaventura, ademais de batuka ou capoeira, entre moitos outros.

Pero a actividade que máis gusta aos participantes é a noite que pasan en tenda de campaña fóra do Calvo Sotelo, “recuperando así a esencia dos campamentos”, sinalou o titular provincial. Para iso, participarán previamente nun obradoiro de montaxe de tendas.

Os campamentos comezarán o 28 xuño e  desenvolveranse nas seguintes datas:

– Do 28 de xuño ao  4 de xullo: primeiro grupo de 9 a 14 anos
– Do 5 de xullo ao  11 de xullo: segundo grupo de 9 a 14 anos
– Do 12 de xullo ao 18 de xullo: terceiro grupo de 9 a 14 anos
– Do 19 de xullo ao 25 de xullo: grupo de 14 a 17 anos.

Os interesados en apuntarse poderán facelo a partir do 20 de maio nos concellos, que tiveron ata hoxe para sumarse a esta iniciativa da Deputación.

16 de abril de 2015 | 17:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.