A Deputación da Coruña inviste 200.000 euros en programas sociais na provincia
A Deputación da Coruña aprobou no último pleno unha serie de convenios que asinará con varias asociacións sociais da provincia por valor de preto de 200.000 euros. A máis importante en canto á achega económica que recolle é a que permitirá completar o novo centro ocupacional e de día que a Asociación de Dano Cerebral Sarela ten en Santiago. A Deputación aportará preto do 70% do orzamento destas obras que ascende a 179.345,72 euros.
A institución xa achegou no seu momento outros 250.000 euros para as obras de construción deste edificio e outros 11.494,22 para o equipamento da sala Snoezelen. Agora, recibirán outros 125.000 euros para reformar a planta alta do edificio. En concreto, fináncianse gastos de albanelaría, carpintería, electricidade, climatización, aparatos sanitarios, así como a compra de estanterías, contenedores, papeleiras, dispensadores, vitrinas, bandexas, mesas, cadeiras e ata utensilios de cociña, entre outros.
Sarela é unha entidade sen ánimo de lucro que traballa co obxectivo de cubrir as necesidades de integración e participación social das persoas afectadas por dano cerebral. A súa sede está en Santiago e no centro que financiou a Deputación realízanse tratamentos de logopedia, fisioterapia, psicoloxía e neuropsicoloxía e terapia ocupacional, ademais de contar cun servizo de traballo social.
En total, a achega da Deputación para estas instalacións suma 386.494,22 euros.
Contra as enfermidades do ril
Tamén no pleno deste pasado venres a corporación aprobou unha achega de 36.000 euros para que a Asociación para a Loita Contra as Enfermidades de Ril, ALCER Coruña, financie o seu programa de exercicio físico e psicosocial para persoas con enfermidades crónicas e os seus familiares, “Bule con Alcer 2015”.
Con esta achega financiaranse os gastos do persoal necesario para desenvolver as actividades (un técnico superior en actividades físico-deportivas, monitores actividades e un técnico psicosocial); así como gastos de desprazamentos e comunicacións.
Dende o ano do inicio deste programa, foise estendendo ata traballar en oito concellos da provincia, dando servizo así a unha área que vai dende Ortigueira a Santiago e chegando ata zonas do Barbanza coma Boiro. O programa que se subvenciona inclúe unha parte de exercicio físico e outra psicosocial que chegará a 200 enfermos crónicos. O programa obtivo xa varios premios tanto a nivel local como nacional, como o Premio Solidario Concello de Ferrol (2011) ou a Beca Fresenius Medical Care (2008).
ALCER Coruña é a única entidade da provincia de enfermos renais e, polo tanto, a máis adecuada para levar a cabo este programa que a Deputación financiará nun 72% e que está adherido ao Plan Galicia Saudable da Fundación Deporte Galego. O orzamento total do programa ascende a 50.000 euros.
Por último, tamén no ámbito social, a Deputación fará unha achega de 28.267,05 euros á Fundación Amigos de Galicia para financiar o 60% do plan de cobertura de necesidades básicas das persoas con escasos recursos económicos da provincia que ascende a 47.111,76 euros.
Esta fundación é unha entidade comprometida cos máis necesitados que promove este programa para garantir o estado de benestar dos máis vulnerables, tanto pola súa dependencia social coma económica. Coa axuda da Deputación poderanse subvencionar os gastos de persoal dun técnico de emprego, un traballador social e un transportista.











