A Deputación da Coruña aproba a ordenanza que regulará o control das subvencións
O pleno da Deputación da Coruña aprobou esta mañá por unanimidade unha nova ordenanza que regulará o control financeiro que se aplica sobre as subvencións que se conceden a entidades e fundacións sen ánimo de lucro. Deste xeito, créase o marco xurídico e legal dunhas accións que xa se están a levar a cabo na institución provincial desde hai anos, e que agora se realizarán tamén como un servizo máis aos concellos que deleguen estas funcións.
Na Deputación da Coruña este control implantouse xa no ano 2006 a través do control das axudas que se conceden a partir dunha selección aleatoria entre as entidades que concorren á convocatoria de subvencións ordinarias. De todas as accións realizadas, que inclúen comprobación de facturas, obras realizadas ou incluso data de inicio e finalización de control, dáse conta regularmente ao pleno.
“O que facemos hoxe é dar un paso máis, xa que establecemos o marco legal de algo no que xa eramos pioneiros”, explicou o presidente provincial, Diego Calvo, que engadiu que o novo regulamento establece basicamente os prazos para o control das subvencións, as posibles sancións que se impoñan no caso de detección de irregularidades ou o modo en que poderán realizarse os reintegros no caso en que sexa necesario.
“Todos os concellos da provincia que deleguen na Deputación estas funcións poderán ademais, beneficiarse deste traballo de xeito totalmente gratuíto”, apuntou Calvo.
A ordenanza establece que o control iniciarase sempre de oficio, xa sexa a través dun control aleatorio ou despois dunha denuncia. Entrará en vigor 15 días despois da súa publicación no BOP.
Plan de travesías en Vilarmaior e Outes
O pleno tamén deu luz verde esta mañá a unha serie de obras en estradas provinciais por importe de máis de 820.000 euros.
Dentro da segunda fase do plan de travesías mellorarase a seguridade viaria na DP 3903 de Tarreo do Blanco a Vilamateo por Ambro, no Concello de Vilarmaior. As obras consisten na ampliación e acondicionamento do tramo. Os dous carrís pasarán de 2,7 metros a 3,5 e construiranse beirarrúas a ambos lados da calzada, así como estacionamentos de dous metros de ancho en determinadas zonas.
Ademais, mellorarase o firme cunha capa de rodaxe e disporase a rede de alumeado, saneamento e recollida de pluviais ao longo de todo o tramo. O investimento total é de 221.841,51 euros.
Tamén por unanimidade aprobouse o proxecto de humanización da travesía da Serra e San Cosme, en Outes, cun orzamento inicial de 249.980,81 euros. No que respecta á primeira travesía, construiranse beirarrúas ao longo de 738 metros (374 na marxe dereita e outro tanto na esquerda) e executarase a canalización de 470 metros de tubaria, 13 pozos de rexistro e as súas correspondentes arquetas. Completarase a actuación coa sinalización horizontal e a colocación de 20 metros de varanda metálica e catro bancos de madeira.
Na travesía de San Cosme, canalizarase a tubaxe, executaranse 12 arquetas e darase saída a 270 metros de cuneta revestida de formigón para a recollida de augas pluviais.
Sendas peonís en O Pino e Vilasantar
No que respecta ao plan de sendas peonís, investiranse 254.426,02 euros na construción dunha senda peonil na DP 6601 dende Outeiro ata a N-634, en O Pino. O proxecto recolle tres quilómetros de senda na marxe esquerda da estrada a través dos lugares de Vento e Piñeiro, o que facilitará o desprazamento das persoas que viven nestes puntos. O ancho total da estrada alcanzará sete metros e nas inmediacións de Piñeiro, sobre un regato afluente do Tambre, ampliarase o drenaxe existente e instalarase un tramo de varanda de madeira para os peóns.
Vilasantar tamén contará cunha nova senda entre a rúa Monolito e Santa Comba, un tramo cun intenso tráfico pesado e de maquinaria de explotacións que diminuirá a perigosidade coa execución dunha senda de 540 metros de lonxitude que conectará coas beirarrúas e as sendas xa existentes. O orzamento desta obra é de 95.750 euros.











