A Coruña celebra a XX edición do Día da Ciencia na Rúa o 9 de maio

Presentación Día da Ciencia na Rúa
A tenente de alcalde de Cultura, Ana Fernández, presentou esta mañá a XX edición do Día da Ciencia na Rúa que se celebrará o próximo 9 de maio, no parque de Santa Margarita, entre as 11.00 e as 19.00 horas. “É unha cita obrigada no calendario da cidade que trata de ser lúdica e educativa á vez; sobre todo, nesta edición na que o día da Ciencia na Rúa cumpre a súa vixésima edición consecutiva, 20 anos enchendo o parque de Santa Margarita coas experiencias, a ilusión e o entusiasmo de centos de escolares que cada ano son protagonistas na tarefa de achegar a ciencia ao público dunha forma didáctica á vez que entretida”, destacou Fernández, quen lembrou que os obxectivos da actividade son motivar aos alumnos na aprendizaxe da ciencia, destacar o labor dos docentes e achegar a ciencia a todo tipo de públicos.
Tal e como explicou a responsable de Cultura, nesta edición participarán 29 centros educativos da Coruña, Betanzos, Culleredo, Cambre, Carral, Ferrol, Ponteceso, Ribadeo, Oleiros e Vigo, que ofrecerán multitude de actividades, experiencias e experimentos: “Alumnos, desde escolas infantís ata institutos, daranse cita no parque de Santa Margarita para mostrarnos o traballo que realizaron durante o curso e no que percorren todos os ámbitos científicos”, asegurou, e sinalou algunhas iniciativas que levarán a cabo como talleres de caleidoscopios, unha exposición de aparellos antigos de laboratorio, un taller de robótica, un piano feito con plátanos, modelos dunha desaladora e de cociña solar ou criadeiros de vermes de seda. Tamén estarán representadas tres escolas infantís que presentarán xogos e experiencias relacionadas coa luz, o Sistema Solar, o son ou os imáns, adaptadas para os máis pequenos.
O resto das jaimas, até un total de 43, estarán ocupadas por outras entidades, como a Universidade da Coruña, que acudirá con actividades realizadas por profesores e alumnos da Facultade de Ciencias e da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos. O Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía, as Bibliotecas Municipais, o Centro Oceanográfico da Coruña, o Servizo Municipal de Educación, o Instituto de Investigación Biomédica da Coruña, a Agrupación Astronómica Ío, o Centro de Estudos Superiores Universitarios de Galicia, o Centro de Transfusión de Sangue de Galicia, a Fundación Repsol, o Grupo de Estudo dos Animais Salvaxes e Emalcsa terán tamén o seu espazo para desenvolver o seu propio programa de actividades divulgativas.
Museos Científicos Coruñeses
Os Museos Científicos Coruñeses únense a esta celebración abrindo as súas portas ao público gratuitamente, de 11.00 a 19.00 horas.
Ademais, a Casa das Ciencias ofrecerá aos seus visitantes, entre outras actividades, un maratón de sesións de planetario. Os pases serán ás 11.00, 12.00, 13.00, 16.00, 17.00 e 18.00 horas. Para asistir hai que retirar invitacións que se repartirán en recepción media hora antes do comezo de cada sesión.
Na Domus haberá tamén pases gratuítos de cine 3D, coa película Titáns da idade de xeo, ás 12.00, 13.00, 17.00 e 18.00 horas. E celebrarase o taller Crea o teu garabateador, para inventar dispositivos a motor que debuxen os garabatos máis inesperados. Esta actividade, que é de aforamento limitado, realizarase en dúas sesións de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00 horas.
E o Aquarium ofrece aos visitantes unha ocasión para coñecer a nova exposición Perseguindo a Mr.Goodfish, un percorrido en fotografías do proceso que segue o peixe desde o mar ata o prato para sensibilizar á sociedade sobre o consumo responsable das especies mariñas, seguindo os valores que defende o programa europeo Mr.Goodfish, patrocinador da exposición. E como non, será tamén unha oportunidade para acompañar ás focas das piscinas exteriores nas súas dúas comidas diarias, ás 12.00 e 17.00 horas.
Actividades paralelas e xogo
A xornada complétase con numerosas actividades desenvolvidas por distintas entidades participantes. As carreiras de carafio, de avións de papel, o concurso de fundir cubiños de xeo e outros xogos tradicionais estarán acompañados de partidas de xadrez, a realización dun grafitti de 18 metros de temática científica, un espectáculo de maxia, radioaficionados, demostracións con impresoras 3D, ou o concerto da Banda Municipal, ás 12.00 horas xunto á Casa das Ciencias.
Tamén se sumarán á festa a Torre de Hércules, con xornada de portas abertas e visitas guiadas, e o Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía, que organizou unha actividade de labirintos tecnolóxicos.
Tampouco faltarán á súa cita os cabezudos de soados científicos, que farán un percorrido matutino desde a praza de Lugo ata María Pita, outro desde a fonte dos surfeiros do Paseo Marítimo ata Riazor, e pola tarde no Parque de Santa Margarita.
Este ano ademais incorpórase á festa un novo personaxe, a mascota do Día da Ciencia na Rúa, un robot que representa a vertente tecnolóxica da festa.
“Animo a todos os coruñeses e a todo aquel que nos queira visitar a que se suman a esta gran festa que A Coruña celebra cada ano para gozar da ciencia”, concluíu Fernández.











