A Coruña acolle esta fin de semana os XX Xogos Autonómicos de Deportes Minoritarios

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaDeportesDeportes Portada
A-
A+
Presentación dos XX Xogos Autonómicos de Deportes Minoritarios

Presentación dos XX Xogos Autonómicos de Deportes Minoritarios

O concelleiro de Educación, Deportes e Mocidade, Francisco Mourelo, acompañado pola vicepresidenta da Deputación, Mariel Padín, o presidente de Special Olympics Galicia, Eladio Fernández, unha representante de ASPRONAGA, Esperanza Ruiz, e a deportista Estrella López, presentou esta mañá os XX Xogos Autonómicos de Deportes Minoritarios que se celebrarán este sábado, día 11 de abril, a partir das 10.45 horas no Palacio dos Deportes de Riazor.

A iniciativa, organizada por Special Olympics Galicia, en colaboración con FADEMGA FEAPS Galicia (Federación de Asociacións a favor das persoas con discapacidade de Galicia) e ASPRONAGA, asociación que agrupa a pais, nais e familiares de persoas con discapacidade intelectual e que exerce como entidade anfitrioa dos Xogos. “É unha honra que a nosa cidade volva acoller un ano máis, e por terceiro consecutivo, estes Xogos de Deportes Minoritarios que poderiamos bautizar tamén como os Xogos da superación e do exemplo”, destacou o concelleiro, quen engadiu: “Unha honra porque A Coruña está totalmente implicada co deporte en todas as súas facetas, sobre todo con aquelas actividades que, ademais de contribuír a unha mellor calidade de vida, favorecen a inserción social das persoas con discapacidade intelectual a través da práctica deportiva, o lecer, a solidariedade ou o compañeirismo entre os participantes”.

Na cita participarán 21 asociacións de toda Galicia que desprazarán a 382 deportistas con discapacidade intelectual e 93 adestradores que, sumados aos máis de 100 voluntarios e ao persoal da organización, fan un total de 668 persoas.

“Esta participación demostra unha vez máis que os coruñeses somos unha sociedade inclusiva que responde á chamada de colectivos e entidades cando o solicitan. Gustaríame, por tanto, agradecer o traballo desinteresado dos máis de 100 voluntarios que participarán nesta iniciativa e tamén a colaboración das 21 asociacións que, día tras día, demostrádesnos que a unión fai a forza”, concluíu o concelleiro.

Os Xogos Autonómicos Minoritarios acollen distintas modalidades deportivas como o tenis de mesa, o bádminton ou a petanca, ademais de probas motrices (desprazamento, tiro de disco, recepción de pelotas, lanzamento a canastra, lanzamento de precisión, tiro a portaría, raquetas e pelotas, equilibrio dinámico e desprazamento con diferentes apoios e birlos).

A xornada deportiva, aberta ao público e de entrada gratuíta, arrincará ás 10.45 horas coa actuación do coro de ASPRONAGA e o desfile de todos os deportistas das entidades participantes. A competición comezará ás 12.00 horas e a cerimonia de clausura, ás 19.00 horas.

9 de abril de 2015 | 13:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.