publicidade hoxe

A Coral Polifónica Aires de Carral presenta a súa programación de concertos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarral
A-
A+

A coral polifónica Aires de Carral ten pechada a programación anual de 2015 relacionada cos concertos que organiza na localidade, co único obxecto de establecer ou estreitar lazos de amizade entre os pobos, sen ningún afán competitivo, nin moito menos en busca dalgún premio ou galardón. As actuacións expóñense en réxime de intercambio e na súa maioría colaboran a Deputación provincial, a Federación Coral Galega, Xunta de Galicia e o concello de Carral.

Ao final de cada festival ou concerto, a coral carralesa entrega recordos conmemorativos ás corais convidadas e posteriormente participan nunha cea.

MOSTRA DE MÚSICA CORAL

O sábado 25 deste mes o edificio social Toñito Espiñeira de Carral, será escenario a partir das oito da tarde do concerto que protagonizarán as corais polifónicas de Barreiros ( Lugo), Entenza de Salceda de Caselas ( Pontevedra ) e a anfitrioa, que desde 1982 dirixe Juan José Gordillo Campelo.

CONCERTO DE PRIMAVERA

No mesmo escenario e co mesmo horario, o sábado 23 de Maio, as corais convidadas son A Lembranza, de Sada e a agrupación coral Vilalbesa de Vilalba.Pechará a programación deste concerto Aires de Carral.

CONCERTO DE VERÁN

A coral polifónica San Pedro, de Soto del Barco (Oviedo), devolverá a visita ao carraleses, que participaron o pasado ano na localidade asturiana na programación das Xornadas de Música Coral que cada ano organiza a coral. Brisas do Mar, de Corme, tamén compartirá escenario coa coral carralesa, o sábado 19 de setembro.

A programación en Carral terá o seu concerto fin de ano o sábado 26 de decembro dentro do festival Coral de Nadal, que organiza o departamento municipal de cultura.

AIRES DE CARRAL, desprazarase durante o mes de maio a Sobrado dos Monxes e Fene. Tamén ten pechada a participación en festivais corais de Corme e Sada, ademais doutros dez comprometidos e pendentes de fixar data polas corais anfitrioas.

13 de abril de 2015 | 20:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.