A comedia “The Gagfather” chega o 3 de maio ao Jofre da man da prestixiosa compañía Yllana
A prestixiosa compañía de teatro Yllana regresa o vindeiro domingo, día 3 de maio, ao Teatro Jofre para representar o seu novo espectáculo humorístico “The Gagfather”, dentro da programación elaborada pola Concellería de Cultura do Concello de Ferrol que dirixe Manuel-Reyes García Hurtado. Esta función dará comezo ás 20:00 horas e as entradas poden ser adquiridas con antelación no despacho do teatro municipal ou a través da páxina web: www.ferrol.es (apartado Axenda Cultural).
“The Gagfather”é un espectáculo de humor xestual que homenaxea ao cine negro e está cheo de delirantes situacións cómicas, inventiva teatral e o código xestual marca da compañía Yllana. Unha viaxe aos baixos fondos e aos máis baixos instintos, non exenta de crítica e reflexión sobre o ben e o mal.











