A cidade de Lugo acolle o XXI Festival de Teatro Universitario da USC do 16 ao 20 de abril

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, acompañada polo Deputado da Área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, Mario Outeiro Iglesias, a Vicerreitora de Servizos do Campus de Lugo, Carme Silva Domínguez, e a Coordinadora da Aula de Teatro da USC no Campus de Lugo, Paloma Lugilde, e o Director do Grupo de Teatro da USC, Roberto Salgueiro, presentaron o XXI Festival de Teatro Universitario da USC-Lugo que se celebra na cidade entre os dias 16 e 20 de abril.

Carmen Basadre destacou que “o programaestá formado por un total de 4 funcións de teatro e, repetindo a experiencia dos últimos anos, dedícase un día da programación á presentación de pequenos traballos de mozos e mozas galegos que están formándose en escolas de arte dramático doutras cidades como Madrid”.

Esta nova edición do Festival celébrase entre os días 16 e 20 de abril no Auditorio Gustavo Freire e a entrada será gratuita. Nesta ocasión o Festival contempla unha actividade complementaria o venres 17 e sabádo 18 de abril con ensaios abertos da Compañía de teatro da USC-Lugo no seu proceso de montaxe no Auditorio Gustavo Freire.

A primeira das pezas represéntase o xoves 16 ás 20.30 horas a obra Sweeney Todd, O barbeiro diabólico da Rúa Fleet dirixida por Roberto Salgueiro e interpretada polos membros da Aula de Teatro da USC.

O sábado 18 a partir das 20 horas presentaranse Teselas, pequenos traballos/proxectos presentados por mozos e mozas galegos estudantes de arte dramática das escolas como a Real Escola Superior de Arte Dramática de Madrid e a Escola Superior de Arte Dramática de Extremadura. A continuación, terá lugar a presentación de Gran oferta Promocional de Tik Teatro, a compañía de Teatro da Residencia Universitaria Bal y Gay. Terán un aforo limitado a 80 persoas.

O domingo 19 de abril a partir das 21 horas a compañía Grupo de Teatro Krilajo unha das compañías independentes da USC-Lugo, dirixido por José María Tubío Sánchez cun aforo limitado de 80 persoas.

A aula de teatro universitaria de Ourense Mariacastaña presentará o luns 20 de abril en Lugo a peza Dramaturxia de Fernando Dacosta a partir de Ricardo III, de William Shakespeare e porá fin á XXI Festival de Teatro da USC.

Lugo Cultural, convenio entre o Concello de Lugo, a Área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo e a Universidade, que ven funcionando dende hai más de 20 anos co obxectivo de coordinar a actividade cultural en Lugo e apoiar, deste xeito, a implantación universitaria coa promoción e organización na cidade de distintas actividades e accións culturais que se programan no marco deste convenio, presenta hoxe a XXI edición do Festival de teatro universitario da USC.

8 de abril de 2015 | 18:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.