A CEP solicita colaboración ao Porto de Vigo para mellorar a competitivade das empresas de Pontevedra
O presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP), Jorge Cebreiros Arce, mantivo esta mañá unha reunión de traballo co presidente da Autoridade Portuaria de Vigo (APV), Ignacio López Chaves, co fin de establecer un marco de colaboración. O obxectivo é traballar conxuntamente nunha serie de medidas que redunden nunha maior competitividade para as empresas da provincia.
Jorge Cebreiros destacou a importancia do Porto de Vigo e subliñou a importancia dunha estreita colaboración co tecido empresarial.
No encontro tamén participaron representantes dalgúns dos sectores económicos con maior vinculación portuaria, entre os que destacan José Luís Freire Freire, presidente de Conxemar; Guillermo Pérez Aboy, presidente da Asociación Cluster do Granito; Juan Uhía, presidente da Asociación de Transitarios, e César Sánchez-Ballesteros, presidente de Feprohos e tesoureiro da CEP, así como a directora da APV, Beatriz Colunga.
Os directivos da CEP expuxeron a necesidade de que se acelere a posta en marcha do portelo único nos trámites administrativos nos que interveña a Autoridade Portuaria de Vigo.
Entre outras medidas concretas, destaca a solicitude de analizar a posibilidade de rebaixar os custos de carga e descarga de mercadorías brutas e elaboradas, entre as que hai grandes diferenzas.
É o caso do granito, expuxo Pérez Aboy. A tendencia actual é que cada vez creza máis o volume de granito elaborado, cuxos custos son moi superiores aos dos bloques en bruto.
Adicionalmente, solicitouse a intermediación de López Chaves para mellorar a calidade do traballo dos estibadores e a axilización dos despachos aduaneiros de mercadoría, especialmente en canto a peixe conxelado.
Con respecto ao sector do turismo, que tivo unha evolución moi positiva nos últimos anos, a CEP solicitou que se estableza un sistema de colaboración coa Autoridade Portuaria máis fluído para favorecer e atender mellor aos cruceristas que chegan á cidade.
Finalmente, tanto o presidente da APV como o da CEP acordaron manter reunións periódicas de carácter sectorial, nas que abordar aspectos concretos.











