A CEP e Zona Franca cooperarán en misións internacionais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraVigo
A-
A+

Teresa Pedrosa Silva, presidenta do Consorcio da Zona Franca de Vigo (CZFV) e o presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP), Jorge Cebreiros Arce, mantiveron un encontro institucional durante o que puxeron de manifesto a súa disposición a cooperar na realización de misións internacionais conxuntas e nos procesos de internacionalización e emprendimiento das empresas de Pontevedra.

Cabe lembrar que a CEP organizou, grazas en parte ao financiamento de Zona Franca, unha misión empresarial a Perú a finais do 2012, con presenza de sectores tan diversos como TIC, téxtil, pedra ornamental, obra pública, conserva, construción civil, consultoría ou formación. Ao presentar os resultados da misión, a mediados do 2013, a CEP e o CZFV anunciaron que varias das empresas lograran consolidar oportunidades de negocio e que, mesmo, unha delas situouse no mercado peruano coa creación dunha delegación propia.

Doutra banda, Cebreiros Arce trasladou a Pedrosa Silva o seu interese por contribuír á difusión da oferta de chan industrial dispoñible nos parques tecnolóxicos e empresariais dependentes do CZFV, nun momento no que o repunte da actividade pode supor un incremento da demanda.

Ao fío desta reflexión, destacaron a importancia de impulsar a reindustrialización da provincia de Pontevedra e de fomentar a innovación empresarial como punto de partida para xerar maior valor engadido, proposta que encaixa coa estratexia da Xunta de Galicia da Industria 4.0.

Outro dos puntos en común no que colaborarán ambas as institucións é no apoio ao emprendimiento. Os presidentes do Consorcio e da Confederación pontevedresa coincidiron na importancia das aceleradoras ou viveiros de empresas como espazos destinados a xerar sinerxías entre emprendedores e facilitarlles nun primeiro momento, un local e os servizos necesarios para comezar un proxecto empresarial.

30 de abril de 2015 | 19:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.