A Biblioteca Rego da Balsa intensifica o seu programa de actividades nos meses do libro e da lingua

Presentación das actividades
Abril é o mes do libro (23 de abril, Día do Libro), e maio o da lingua (17 de maio, Día das Letras Galegas), e a Biblioteca Rego da Balsa intensifica o seu programa de actividades coincidindo con estas conmemoracións. As instalacións da rúa Bos Aires acollerán proxeccións de películas, contacontos, obradoiros, un concurso, faladoiros, etc., ademais de incluír o programa citas fóra da Biblioteca como co III Día do Pequebasket, o 17 de maio, ou apoiar outras que teñen lugar no Pazo da Cultura, como a Semana do Libro e a Lectura. Comezamos coas xa estables proxeccións que teñen lugar os segundos e cuartos mércores de mes, varias delas en colaboración co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, co ciclo “Cine con fondo”, a través do que se proxectarán, con entrada libre e de balde, as películas para todos os públicos “Charlie e a fábrica de chocolate” (mércores 8 de abril), “Buda explotou por vergoña” (mércores 22 de abril) e “Azur e Asmar” (mércores 27 de maio). Ademais, o mércores 13 de maio, na Semana das Letras, proxectarase un vídeo en que se recollen opinións de persoas diversas de Carballo sobre o uso e prestixio da lingua galega, e no que se aproveitará para presentar unha nova canle de televisión galega, Irmandade TV. Todas as proxeccións son ás 19.00 horas.
Tampouco faltan os contacontos para público infantil, que se desenvolverán de tres formas distintas: uns dentro do programa “Ler conta moito” da Xunta de Galicia, outros desenvolvidos por persoal da biblioteca e outros por pais e nais de nenos/as usuarios/as. As citas comezan o mércores 15 de abril, ás 18.00 horas, coa estrea como contacontos na súa vila natal da actriz Alba Bermúdez, integrante da compañía Triatreros. Presenta na Biblioteca “Comechíns”, un espectáculo infantil para rapazada de 4 ao 10 anos. Xa o xoves 30 de abril tamén ás 18.00 horas e dentro do ciclo de “Nais e pais contan”, as usuarias Raquel Varela e Nuria Varela serán as encargadas de facer de contacontos. O sábado 2 de maio, ás 11.30 horas haberá un novo contacontos, #aBiblioConta, a cargo do persoal da biblioteca. E o mércores 20 de maio, ás 18.00 horas un novo espectáculo infantil, “Aventuras na cociña”, da compañía TrinkeTrinke. Para rematar, o último xoves de mes, o 28 de maio, tamén ás 18.00 horas, contarán Noelia Pérez e Ainhoa García. Debido ao descanso de Semana Santa, en abril non houbo o faladoiro previsto para os primeiros xoves de mes, pero en maio si o haberá, e será a cargo do catedrático de Física da Universidade de Santiago, o baiés Jorge Mira, que, no mes das Letras Galegas falará, desde un punto de vista científico e didáctico, sobre o futuro da lingua galega. Será o xoves 7 de maio ás 19.00 horas con entrada libre e de balde, e co título “Desde o corazón do futuro da lingua”.
Pequebasket e Semana do Libro e a Lectura
O programa da biblioteca en abril e maio inclúe tamén obradoiros e un concurso. Así, o sábado 18 de abril terá lugar “O cadáver exquisito”, un obradoiro para a elaboración dun mircorrelato creativo. Do 20 ao 26 de abril terá lugar o concurso nas redes sociais #ABiblioPréstame, para a visibilización dos libros, coincidindo coa semana do Día do Libro. E o propio Día do Libro, o 23 de abril, haberá tamén un obradoiro de marcapáxinas. Ademais, a Biblioteca Rego da Balsa é un espazo posto ao servizo da cidadanía e das entidades sociais para desenvolveren nela as súas actividades. Deste xeito, a Fundación Galiza Sempre desenvolverá unha mesa de debate sobre lingua e cultura, na que participarán Marcos Maceira (presidente da Mesa) e Marta Dacosta (poeta e directiva a AELG). Será o martes 28 de abril ás 19.00 horas. E dous días despois, o xoves 30, Basket Xiria presentará ás 19.00 horas o III Día do Pequebasket galego. Entre o 11 e o 15 de maio, cando terá lugar a Semana do Libro e a Lectura no Pazo da Cultura, a Biblioteca tamén acollerá exposicións de materiais deste programa. Coma sempre, todas as citas son de balde, aínda que algunhas contan con límite de prazas. Os interesados e interesadas poden preinscribirse ben nas propias instalacións da rúa Bos Aires, ou a través do enderezo <biblioteca@carballo.org>, ou do teléfono 981 758 580.
O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, quixo subliñar durante a presentación da cita que este “novo ciclo de actividades” está pensado para “chegar a toda a sociedade” e que demostra que “Carballo é un concello con moita vitalidade”. A Concelleira de Cultura, Mar Eirís, tamén quixo agradecer a colaboración das nais e pais que desinteresadamente protagonizan o ciclo de contacontos na Biblioteca. Os interesados/as poden descargar o programa completo de actividades nun documento en pdf nesta mesma nova.











