A biblioteca municipal de Sagrada Familia abre tempada de música entre libros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Cultura, informa do comezo, este xoves, 23 de abril, dunha nova tempada Os Xoves na Sagrada, un ciclo de concertos de música entre libros que trouxo a grupos e músicos de varios países á biblioteca municipal do barrio de Sagrada Familia.

Grazas a esta iniciativa, este espazo convértese nun escenario inédito tanto para os músicos como para o público que regularmente asiste a esta actividade. Os Xoves na Sagrada busca levar á biblioteca do barrio a música de formacións galegas e locais, pero tamén doutras culturas, posto que o barrio caracterízase precisamente pola pluriculturalidade. Por este espazo, desde 2010, pasaron intérpretes de practicamente todos os continentes. Foron 45 concertos con músicos de dez países os protagonistas dos Xoves na Sagrada en todo este tempo.

O ciclo caracterízase pola variedade nas orixes das bandas e músicos, así como nos estilos que se escoitaron na biblioteca: desde o country rock de Wolrus e Os Eternos ao ska de Skarallaos, pasando polas músicas da lusofonía da angoleña Aline Frazão, a senegalesa de Galu Teranga, o scratch dos alemáns Cutz’n’Mouse ou a gipsy da banda estadounidense The Underscore Orkestra.

Esta tempada de primavera iniciarase o 23 de abril, coincidindo co Día Internacional do Libro, co grupo de música tradicional galega Samarúas, formado por mozas da cidade e da comarca de Costa da Morte. Como novidade nesta edición, o seguinte concerto, o xoves 7 de maio, estará dirixido aos máis pequenos, con Magín Blanco e o seu espectáculo Letras en-cantadas. Os Xoves na Sagrada pechará a tempada de primavera o 21 de maio con Lonely Coaster, banda coruñesa de rock clásico. Será o último concerto ata o mes de outubro, cando se abrirá a tempada de outono.

20 de abril de 2015 | 11:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.