A biblioteca de Vilagarcía conmemora o Día do Libro infantil e xuvenil co espectáculo “Aventuras na cociña”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

A Biblioteca Municipal de Castro celebra mañá o Día do Libro Infantil e Xuvenil co contacontos “Aventuras na Cociña” a cargo de Trinketrinke Teatro. A actividade de animación desenvólvese dentro do programa Ler Conta Moito, que subvenciona a Xunta de Galicia, e nela participarán un grupo de alumnos de cinco anos dos colexios San Francisco e Anexo A Lomba. O contacontos comezará ás 11:30 horas nas dependencias culturais da rúa Rey Daviña.

O Día do Libro Infantil e Xuvenil conmemórase cada 2 de abril. A data coincidiu este ano coa festividade do Xoves Santo, de aí que a Biblioteca aprazara o contacontos ata esta semana, cando os nenos xa están reincorporados ás clases.

Trinketrinke

Trinketrinke fai animación á lectura dende o teatro. Os condutores das actividades para nenos de 3 a 8 anos, son uns personaxes fantásticos: os Ratos da Biblioteca, que proceden dun lugar chamado Lonxedetodo, ónde os libros e a lectura ocupan un lugar sobranceiro na vida da comunidade. A través dos seus espectáculos, a compañía trata de promover a lectura e estimular a sensibilidade, a imaxinación, a creatividade e o espírito crítico dos nenos. A maiores, en “Aventuras na Cociña”, os Ratos de Biblioteca aproveitarán para promover hábitos saudables na alimentación e fomentar o uso das bibliotecas.

Sinopse

Na aldea de Lonxedetodo ónde viven os Ratos de Biblioteca, hai unha ratiña moi vella á que todos chaman Avoa Violeta. A avoa Violeta está enferma, porque a pesar de ser vella leva unha vida moi activa (quizais demasiado para a súa idade): practica artes marciais, mergullo a pulmón libre, corre maratóns, a parte de ser, como é obvio, unha insaciable lectora.

Sen embargo, a avóa Violeta quedou esgotada e non se move da cama. Velaquí que a Ratiña Carolina (ou o Rato Camifuco ou a Ratiña Lupiña) visita a Biblioteca de Vilagarcía para contarlle aos cativos como vai acadar a recuperación da ratiña anciá. Seguindo a máxima clásica, “que os teus alimentos sexan a túa menciña”, vai preparar diante do público, un delicioso, saudable e atractivo menú para a avoa, que a vai deixar como nova.

9 de abril de 2015 | 18:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.