A biblioteca de Vilagarcía celebra o mes do libro con premios, contactos, obradoiros e unha campaña de animación
Con motivo do 23 de Abril, Día Internacional do Libro, a Biblioteca Rosalía de Castro organizou un amplo programa de actividades que se prolongarán ata finais do mes de maio. Aparte dos tradicionais premios aos mellores lectores do ano, o centro organizará sesións de contacontos, unha campaña de animación á lectura e un obradoiro de confección de marca páxinas. As actividades son de carácter gratuíto e, aínda que centralizadas no centro da Rúa Rey Daviña, tamén chegarán ás Axencias de Lectura de Vilaxoán, Carril e Bamio.
“Abril, Mes do Libro” é o título que a Biblioteca Rosalía de Castro lle da á programación que organiza para conmemorar as celebracións do Día Mundial do Libro Infantil e Xuvenil, que se conmemora o 2 de abril, e do Día Internacional do Libro, o día 23. Todas as actividades programadas teñen como destinatarios ao público infantil posto que o traballo que desenvolve a Biblioteca dende hai anos céntrase en educar aos cativos no hábito da lectura para formar lectores adultos.
Os actos comezaron a semana pasada cun contacontos infantil no que participaron escolares de dous centros educativos.
O seguinte acto celebrarase o xoves, 23, e consistirá na entrega dos premios aos mellores lectores do ano. Os usuarios de 6 a 12 anos que máis lecturas realizaron a través do servizo de préstamo da biblioteca nos últimos 12 meses.
Tamén no Día Internacional do Libro, a Biblioteca agasallará cun marcapáxinas conmemorativo a todas as persoas que acudan ás instalacións nesa xornada.
Tamén haberá sesións de contacontos para grupos de escolares que se desenvolverán a través do programa “Ler Conta moito” que subvenciona a Xunta de Galicia. SA animadora e ilustradora Marisa Irima será a encargada de atraer aos pequenos ao mundos dos libros a través dos “Contos de marmeleiro, anís e limón” que a narradora exporá servíndose de bonecos, debuxos e cancións.
No marco da campaña de animación á lectura, será tamén varios os grupos de escolares de diversos colexios do municipio os que acudan á Biblioteca de Vilagarcía para participar na “Hora do Conto” na cal o Caracol Sol-Sol actuará de anfitrión na visita ás dependencias e contaralles unha das moitas e divertidas historias que se poden atopar nos libros que alí se atesouran. O obxectivo é que os cativos teñan o seu primeiro contacto e coñecemento da Biblioteca para fomentar o seu uso.
A última das actividades deste Mes dos Libros será o obradoiro de confección de arcapáxinas en el que poderán participar todos os nenos e nenas que o desexen.











