A autovía A-8 permanece cortada pola néboa nun tramo da provincia de Lugo
A presenza de néboa obrigou a cortar de novo a Autovía do Cantábrico, A-8, dende a noite do luns na provincia de Lugo e continúan os desvíos alternativos na mañá deste martes pola estrada N-634. Segundo informaron fontes da Dirección Xeral de Tráfico (DGT), o corte produciuse ás 21,00 horas do luns e mantense na mañá deste martes á espera de que despexe.
En concreto, foi cortado temporalmente a causa da néboa o tramo comprendido aproximadamente entre os quilómetros 532 e 552, na zona do Alto do Fiuco, entre os municipios lucenses de Mondoñedo e Abadín. O tramo desta autovía que une Mondoñedo e Abadín provocou diversos problemas pola formación de néboas, como un accidente múltiple o pasado mes de xullo que se cobrou a vida dunha persoa.











