A aula CeMIT de Verín acolle un seminario ‘Tendencias Lean Kanban para a mellora da xestión de proxectos e servizos IT’
O martes 05 de maio, na aula CeMIT do Concello de Verín impartirase o seminario gratuíto ‘Tendencias Lean Kanban para a mellora da xestión de proxectos e servizos IT’, programado polo Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG).
O mesmo, de 9.30 a 13.30 horas, terá lugar a través dun sistema de videoconferencia instalado na aula CeMIT de Verín, para evitar que os/as interesados/as se teñan que desprazar ata o propio CNTG, situado en Santiago de Compostela e que promove o achegamento das novas tecnoloxías da información e comunicación aos/ás verinenses.
No mesmo presentaranse as melloras que, na xestión de proxectos e servizos IT, poden aportar iniciativas baseadas nos principios Lean asociados a servizos. Amosaranse exemplos de proxectos e organizacións que teñen acadado importantes beneficios aplicando ditos principios. Analizarase tamén a utilización de Sistemas Lean Kanban en procesos asociados a resolución de peticións, mantementos e distintos tipos de sistemas baseados en fluxos continuos de peticións de servizo, e a presentación das relacións entre axilidade/Scrum e Lean/Kanban aplicadas a proxectos e servizos IT.
O relator da xornada será Miguel Santiago, experto en xestión de proxectos na empresa Estratecno con máis de 20 anos de experiencia en xestión e consultoría de proxectos e servizos IT (predictivos tradicionais e Lean-Agile) para diferentes organizacións. Miguel Santiago organiza anualmente máis de 100 seminarios que versan sobre xestión de proxectos para as principais empresas e organizacións do pais, dirixindo tamén proxectos de transformación Lean-Agile para grandes organizacións. É profesor de Xestión de Riscos en Proxectos e coordinador e profesor de Xestión de Proxectos Lean-Agile no máster de Dirección de Proxectos de “La Salle” en Madrid.











