publicidade hoxe

A asociación agroecolóxica A Cortiña ofrece unha charla sobre o control biolóxico de pragas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

Control biolóxico de pragas. En catro palabras resúmese un concepto que pode causar reparos pola nomenclatura técnica que se emprega pero que, en esencia, ben significar o uso da natureza para mellorar a sanidade dos cultivos. A Asociación agroecolóxica A Cortiña -constituída recentemente en San Sadurniño- organizou para o xoves a partir das 16.30h. no salón de plenos unha charla gratuíta na que se falará sobre as vantaxes de substituír os insecticidas por mesturas inócuas e depredadores naturais das pragas que lles afectan ás producións de horta e froita.

A sesión impartiraa o enxeñeiro agrícola Sabino Muíño, que é un dos grandes expertos galegos na materia. Fará unha introdución aos antecedentes, a situación actual e o futuro do control biolóxico de pragas centrándose, principalmente, nas máis habituais, como son os trips, a mosca branca e o pulgón, que atacan tomates, pementos e outros vexetais.

Pero, ¿de que vai isto do control biolóxico de pragas?. O crecemento da demanda da produción agrícola trouxo aparellado o monocultivo de grandes e pequenas superficies de terreo. Algo que rompeu o equilibrio natural entre plantas, ácaros e insectos no ecosistema. Canta máis monocultivo, máis inimigos naturais concentrados nun mesmo sitio e, polo tanto, máis perdas para a agricultura. Durante anos a erradicación das pragas encomendouse ao uso masivo -e ás veces descontrolado en canto ás doses- de insecticidas e outros produtos fitosanitarios. Velenos, en resumidas contas, contra os que as pragas conseguen inmunizarse co paso do tempo e que, ademais, deixan residuos nos alimentos.

En Galicia introduciuse hai máis de dúas décadas o que se deu en chamar loita integrada, consistente en detectar por medio de trampas as curvas de voo -os periodos de maior actividade dos insectos- para aplicar tratamentos proporcionados. As zonas hortícolas do sur e as áreas vitícolas das cinco denominacións de orixe foron quen máis empregaron e empregan unha técnica que tamén se introduciu na produción froiteira.

Porén, o control biolóxico vai un paso máis aló e pretende prescindir ou reducir ao mínimo o uso de produtos químicos. E faino de varias maneiras. En primeiro lugar, buscando cultivos compatibles entre si que restitúan o equilibrio ecolóxico e que impidan a proliferación de especies daniñas. En segundo lugar, poñendo en práctica laboreos, podas e outras técnicas preventivas. A terceira opción é o uso de repelentes elaborados con ingredientes naturais ou trampas atraentes. Por último, un dos xeitos de loita máis efectivo -o biolóxico propiamente dito- é botando man dos depredadores naturais das diferentes pragas. Así, para os trips do pemento emprégase unha chinche, a Orius laevigatus; para a mosca branca hai anos que se bota man da avespa Encarsia formosa e, desde tempos inmemoriais, é sabido que as xoaniñas son aliadas dos labregos e labregas para loitar contra os pulgóns e outros insectos.

De todos estes aspectos falarase na charla que comezará o xoves 16 ás 16.30h. no salón de plenos do Concello con entrada libre ata completar o aforo. A asociación A Cortiña prevé que a sesión -na que colabora o Concello- dure arredor de 3 horas.

13 de abril de 2015 | 14:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.