A Asemblea de Movementos Sociais de Vigo denuncia que o concello resolve a emerxencia social cunha medida ridícula

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVigo
A-
A+

Concretadas as contratacións en Benestar por parte do concello de Vigo, que aumentará de maneira ínfima o persoal deste departamento tras unha aparatosa mobilización das traballadoras, o valedor do pobo e colectivos como a Asemblea de Movementos Sociais e a ODS Coia; a resposta de todos os interesados nesta cuestión é a indignación absoluta. O persoal non cumpre cos cocientes legais, hai traballadoras de baixa psicolóxica por verse excedidas no seu traballo polo número de expedientes: a situación de emerxencia social na cidade de Vigo está a chegar a límites intolerables e tras unha ardua campaña esixindo este reforzo a corporación decidiu, en contra do que se lle solicitou desde a Asemblea, que pedía que se contratasen a todos os postulados que superasen as probas de acceso, deixalo nun reforzo simbólico, que contrastado coas baixas existentes manteñen practicamente igual o persoal anterior.

“Parécenos do todo intolerable, e ridículo. Unha falta de respecto polas persoas que levan traballando anos para solucionar esta situación, e moi sobre todo cara aos afectados, cuxa supervivencia depende en moitos casos de recibir esta axuda de subsistencia que se está demorando oito meses. No concello de Vigo só se trata como emerxencia a obra visible e traducida en rédito electoral: con todo as problemáticas que inferen nas necesidades máis básicas do cidadán directamente se invisibilizan; salvo cando se pode facer unha entrega ostentosa como a do cheque social, onde se documentan as grandes colas e a cantidade de diñeiro repartida entre os veciños, desprezando totalmente á intimidade dos necesitados de maneira interesada. Non foron suficientes os informes da Asemblea, do Valedor, da ODS, de prevención de riscos ou a propia denuncia desde dentro… non foi suficiente ser advertidos de que se estaba incumprindo directamente a lei respecto diso. Fíxose caso omiso e resolveuse a situación con esta medida irresponsable e vergonzante. A corporación municipal voltou a cuspir sobre a pobreza de Vigo, deixando claras as súas prioridades e a farsa que supón que un departamento tan esencial se desatenden de maneira consciente e alevosa. Con esta decisión, retratáronse unha vez máis. Esiximos a dimisión dunha concelleira que insulta aos cidadáns con este tipo de política de desrepresentación. Que se marche e ceda ese posto a unha persoa que mostre algún interese polo Benestar Social de Vigo.”

6 de abril de 2015 | 20:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.