A Asemblea de Movementos Sociais de Vigo considera que un reforzo de seis meses é indecente
Despois do anuncio da corporación municipal, que afirmou onte 29 de abril que se contratarían oito traballadoras sociais e oito auxiliares administrativos para reforzar o departamento de Benestar, este colectivo denuncia que é unha medida electoralista e deficiente. Consideramos que o uso electoral que fixo o alcalde deste conflito, facendo coincidir as contratacións coa súa campaña para silenciar as protestas, e atrasando a entrega do cheque social ata mediados de maio pola mesma razón, é intolerable. Igualmente, o reforzo que propoñen hoxe é insuficiente pois se pretende mantelo tan só por un período de seis meses. A xente de Vigo necesita un servizo sólido, solvente e estable cun persoal mantido no tempo. Un semestre é un parche temporal, que desatascará unha pequena porcentaxe de expedientes pero obviará a protección real e profunda da cidadanía empobrecida. A medida adecuada sería contratar a todas as aspirantes que superaron a proba de acceso para a bolsa de traballo, e dobrar a cantidade que hoxe se comunicou. Por suposto, non acoutada a un semestre, senón mantida de maneira indefinida. O servizo de Benestar, do que depende a supervivencia de cidadáns de Vigo, é esencial, prioritario e serio: non é un xoguete electoral. A Asemblea de movementos sociais, coordinadora cidadá de grupos, partidos e sindicatos que traballan para mellorar a situación de Benestar en Vigo, leva meses reivindicando contratacións no departamento, cuxo persoal, na actualidade, non alcanza sequera a metade do establecido por lei. Hoxe non celebra a medida municipal porque dentro duns meses, volverá a situación á súa orixe, e a xente a sufrir exclusión.











