publicidade hoxe

A área de xuventude compostelá promove o turismo activo e o deporte de aventura na actividades de verán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de CompostelaXuventude
A-
A+

A concelleira de Xuventude, Maite Cancelo, presentou a oferta do seu Departamento para o tempo libre e o lecer durante as vacacións de verán, que inclúe varias iniciativas coas que se pretenden dar resposta aos intereses da mocidade da cidade. A programación para este verán 2015 conta con tres opcións nas que o deporte e a aventura teñen un gran protagonismo. O Campamento de Teverga en Asturias terá lugar entre o 1 e o 8 de xullo e a el poderán asistir rapaces e rapazas de entre 14 e 18 anos. Durante a súa estancia no albergue de Teverga, os asistentes realizarán actividades coma piragüismo, BTT, GPS, xeocatching, espeoloxía ou piscina. Ademais, gozarán de saídas á praia, obradoiros etnográficos, unha vista ao Museo da Prehistoria, á senda do Oso, aula de bioloxía, xogos en valor e veladas. Hai un total de 25 prazas e o prezo é de 130 euros por persoa.

Outra alternativa pasa polo Surf Camp Portonovo, que terá lugar do 12 ao 19 de xullo na Residencia Xuvenil do Colexio Abrente. Durante eses días, mozos de entre 14 e 18 anos realizarán actividades como kayak-surf, snorquel, surf, cometa, sendeirismo, xeocatching, rutas de natureza, On English, xogos en valor e veladas. Poderán participar neste campamento 25 persoas e o custo é de 120 euros.

Mozos e mozas de entre 18 e 30 anos terán a oportunidade de asistir a unha xornada multiaventura que se celebrará o 21 de xullo en Carcacía, entre as 10:00 e as 20:00 horas. Terán actividades de aventura como rafting, tiro con arco, tirolina, mini paintball ou escalada. Hai un total de 15 prazas. O prezo é de 10 euros e inclúe o xantar.

As diferentes actividades están dirixidas aos mozos e mozas empadroados no Concello de Santiago de entre 14 e 30 anos. No caso de quedar prazas dispoñibles atenderanse outras solicitudes.

Segundo indicou a concelleira, Maite Cancelo, o programa proposto este ano consiste nunha oferta de turismo activo e deporte de aventura, especialmente pensados para a xuventude, coa finalidade de constituír unha iniciativa de ocio alternativo, fomentar a práctica deportiva e a adquisición de hábitos saudables. Preténdese tamén crear un punto de encontro no que os mozos e mozas poidan compartir intereses comúns á vez que se promove a concienciación e sensibilización da poboación sobre o medio natural e se contribúe ao espírito da convivencia e a solidariedade.

Participación

As persoas interesadas en participar nalgunha destas actividades deberán realizar unha preinscrición. Unha vez confirmada a praza por parte da Concellería de Xuventude, procederase a realizar a inscrición definitiva.

Cada solicitante poderá asistir aos dous campamentos ofertados sempre e cando queden prazas dispoñibles, se ben deben seleccionar o campamento prioritario en primeiro lugar, asignándolle o número 1 na ficha de preinscrición, posto que será nese onde preferentemente se lles dará cabida.
No caso de que unha persoa non teña praza no seu campamento prioritario, daráselle cabida no segundo campamento, despois de atender as solicitudes que marcaran o segundo campamento como primeira opción.

9 de abril de 2015 | 13:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.