A área de Benestar do Carballiño informa do prazo para estadías en balnearios

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Carballiño
A-
A+

A área de Benestar Social anuncia a sía das prazas para estadías e tratamento termal dentro do programa de Benestar en balnearios 2015. O obxecto desta orde é a oferta de prazas para as estadías e o tratamento termal dentro do programa de Benestar en balnearios 2015 da Xunta de Galicia. Serán persoas beneficiarias do programa de Benestar en balnearios aquelas que reúnan os seguintes requisitos:

a) Ser maior de 60 anos, ou de 55 e reunir a condición de pensionista do sistema da Seguridade Social, polos conceptos de xubilación, invalidez, viuvez ou outras pensións.

b) Estar empadroado e residir nalgún concello da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Valerse por si mesmo para as actividades da vida diaria e estar en condicións de participar no programa, agás no caso de fillos/as ou persoas tuteladas que acudan en calidade de acompañantes.

d) Non padecer enfermidade infecto-contaxiosa, en fase activa, nin trastornos mentais ou condutuais non compensados que poidan alterar a normal convivencia durante o transcurso da quenda.

e) Carecer de contraindicación médica para a recepción dos tratamentos termais.

A persoa solicitante poderá ir acompañada do seu ou da súa cónxuxe ou persoa con análoga relación de convivencia, sempre que cumpra os requisitos citados anteriormente, excepto o sinalado na letra a).

Tamén poderán participar os/as fillos/as ou persoas tuteladas polas persoas solicitantes que teñan un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, sempre e cando o poidan facer sen necesidade de apoio de terceira persoa e se poidan desprazar con autonomía, compartan o cuarto coas persoas proxenitoras e cumpran os requisitos citados anteriormente, excepto o da letra a). Neste suposto, terán que cubrir os seus datos na epígrafe correspondente da solicitude presentada polas persoas proxenitoras ou titoras. As persoas solicitantes terán que cumprir os requisitos establecidos na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes. Ningunha persoa solicitante poderá figurar en máis dunha solicitude.

Convócanse 600 prazas para participar no programa de Benestar en balnearios da Xunta de Galicia 2015, que se levarán a cabo nas quendas e establecementos termais que se relacionan no anexo III da presente orde.As quendas teñen una duración de 10 días (nove noites) cada unha, realizaranse en réxime de pensión completa e comprenderán desde as doce horas do día de chegada ata as doce horas do día de saída. O desenvolvemento destas quendas terá lugar durante o período comprendido entre o mes de xuño e o de decembro de 2015.

As solicitudes formularanse no modelo oficial e xuntarse a seguinte documentación:

a) Copia do libro de familia ou do documento acreditativo da tutela, no caso de que a persoa solicitante queira acudir ao programa acompañada dun/dunha fillo/a ou tutelado/a.

b) Copia compulsada do documento nacional de identidade (DNI) ou ben do pasaporte ou do número de identificación de estranxeiro (NIE), segundo proceda, só no caso de non autorizar a súa consulta.

c) Copia do certificado de empadroamento, emitido polo concello correspondente, que acredite a residencia nun municipio da Comunidade Autónoma no momento de presentar a solicitude, só no caso de non autorizar a súa consulta.

d) Copia da declaración do imposto da renda das persoas físicas correspondente ao último período en que se presente a solicitude. No caso de estar exento da declaración do imposto da renda das persoas físicas, copia do certificado de toda clase de pensións percibidas pola persoa solicitante e acompañante ou declaración responsable de non percibilas, só no caso de non autorizar a súa consulta.

e) Certificado do grao de discapacidade do/da fillo/a ou tutelado/a pola persoa solicitante, só no caso de non autorizar a súa consulta.

En cada solicitude só se poderá relacionar un máximo de tres destinos por orde de prioridade

As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, 

O prazo para a presentación das solicitudes será de 20 días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, concretamente ata o 14 de maio de 2015

24 de abril de 2015 | 17:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.