A aposta de Televés pola innovación convértea nun referente para desenvolver a nova Industria 4.0

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Francisco Conde na visita ás instalacións de Televés. Foto: X. Crespo

Francisco Conde na visita ás instalacións de Televés. Foto: X. Crespo

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, visitou hoxe as instalacións da empresa Televés, onde subliñou a aposta decidida desta compañía do sector TIC pola “innovación de cara a mellorar a súa competitividade”. Neste sentido, Conde resaltou que o traballo que está a levar a cabo a empresa fai dela un referente para “desenvolver en Galicia a nova Industria 4.0”.

Durante a visita, o conselleiro coñeceu o Centro Tecnolóxico de Televés, que reúne os recursos de I+D+i do grupo, un apartado ao que dedica o 7% do seu orzamento. Neste contexto, o titular de Economía e Industria resaltou o compromiso coa innovación dun grupo que suma máis de 700 traballadores e que está a desenvolver distintos proxectos tecnolóxicos en nichos de mercado emerxentes, como os servizos socio-sanitarios, o hospital do futuro, ou a evolución do fogar dixital cara o edificio intelixente e a Smart City.

“Os proxectos de Televés atópanse moi aliñados cos obxectivos claros da industrialización de Galicia”, subliñou Conde, destacando que, deste xeito, a compañía contribúe a “facer unha Galicia máis competitiva, máis innovadora e máis exportadora, que nos permite ter unha maior presenza no eido internacional”. Uns parámetros aos que, segundo sinalou, responde a Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0, que busca “facer unha Galicia máis competitiva trasladando ao tecido produtivo unha maior competitividade dos nosos produtos”.

Esta Axenda sentará as bases para a modernización industrial da Comunidade a través do equilibrio dos sectores tradicionais e os de futuro, e a hibridación multisectorial para xerar sinerxías entre sectores; do fomento da cultura da innovación; e impulsando a fábrica intelixente.

Neste sentido, o Centro Tecnolóxico xoga un papel importante na implantación en Televés desta fábrica intelixente, que significa, segundo salientou Conde, “máis robotización e máis interconexión, non so entre os diferentes elementos dentro da fábrica, senón tamén cuns traballadores máis cualificados”.

O compromiso coa innovación e o desenvolvemento de produtos cun alto valor engadido, subliñou Conde, ten impulsado o proceso de internacionalización da empresa. Así, a compañía suma 9 filiais en destinos como Francia, Reino Unido, China ou Estados Unidos, e fai chegar os seus produtos a máis dun centenar de países nos cinco continentes.

7 de abril de 2015 | 16:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.