A animación da IV Maratón Atlántica Coruña42 situarase en 15 puntos do percorrido

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Deportes, informa de que xa se coñece a localización dos 15 puntos de animación -con grupos de música, danza e centros deportivos- que existirán ao longo do trazado da IV Maratón Atlántica Coruña42, que se celebrará o próximo 19 de abril.

A distribución ao longo do percorrido dos puntos de animación sorteouse nun acto celebrado no Espazo de Iniciativas Xuvenís (EIX) e no que estiveron presentes o concelleiro de Educación, Deportes e Mocidade, Francisco Mourelo; a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Mariel Padín; o director de Fiabilidade e Mantemento da Refinaría de Repsol, Juan José Rubio, como entidade que patrocina o programa de animación de Coruña42.

A cuarta edición, que contará coa presenza do campión de España Pedro Nimo, o galego Lolo Penas -que quere estrearse nun maratón- e da deportista de Gondomar Vanessa Veiga na proba de 10 quilómetros, aspira a seguir medrando en participación e ofrecendo aos seus corredores o ambiente máis festivo grazas ás diferentes actuacións e actividades paralelas que se desenvolverán durante a proba.

A organización da Maratón Atlántica quixo facer de novo partícipe á cidadanía desta gran festa do deporte e, con ese obxectivo, convocouse un novo programa de AnimaciónCoruña42. Neste sentido, o responsable municipal de Deportes destaca que #AnimaciónCoruña42 converteuse nunha referencia e nunha fórmula imitada noutras probas debido aos bos resultados e a acollida que ten tanto por parte dos corredores como do propio público que acode a seguir a carreira.

A actuación de cada un dos grupos seleccionados terá unha duración máxima de 240 minutos con posibilidade de catro descansos de 15 minutos cada un. O inicio do programa de animación será ás 08.30 horas, pero poderá variar en función de cuestións organizativas; mentres que a localización dos puntos de animación determinouse mediante un sorteo.

Masterclass deportiva

– Bokwa&Zumba Galicia Team: paseo marítimo, á altura da Coraza.
– San Diego Zumba: paseo marítimo, á altura de la Fuente dos Surfeiros.
– Capoeira Coruña: chaira de Riazor.
– Mahashaki Ioga: avenida de Salgado Torres.
– Sospeitosos Habituais: aparcadoiro da Torre de Hércules.

Grupos musicais

– Four Strikes: San Roque de Fóra.
– Malasömbra: praza da Fábrica de Tabacos.
– Miguel Alonso: As Lagoas.
– The Decoders: parque Alfonso IX.
– Locais de ensaio (Say my name, Jules&TheWolf, The Sonic Headlight, Avézar, Almakoa, Us in the mirror, Bears&Beers): Casa do Sol e rúa Ramón e Cajal.
– The Pyjamas: Primo de Rivera.
– Rocket King: zona portuaria de San Diego.
– Daniel Royo: praza Pontevedra.

A estes 14 puntos de animación sumar un máis: Termaria, na Casa da Auga. Os grupos musicais deberán dispor do seu propio backline e os de danza achegarán o material que necesiten para a actuación. A organización facilitará un escenario e unha toma de corrente e dotará a cada grupo de 150 euros en concepto de gastos e desprazamentos.

Ao variar este ano o trazado, informouse aos grupos das variacións nos horarios de actuación, xa que hai dúas zonas diferenciadas, con dúas voltas en cada unha delas. Os grupos tiveron que asinar os compromisos en base o regulamento e a total aceptación das bases do mesmo e lembróuselles que poderán recoller a súa acreditación por grupo e a súa certificación de vehículo para poder acceder ao momento de animación e realizar a montaxe na #Exporunning de Palexco o venres 17 de abril, de 17.00 a 22.00 horas, e o sábado, día 18, de 10.00 a 22.00 horas.

Os grupos de animación, ademais de amenizar a carreira aos corredores e sentirse partícipes de #Coruña42, formarán parte dun concurso na rede social Twitter onde tanto o público asistente como os propios deportistas comporán o xurado. A decisión para elixir o mellor evento de Coruña42 estará nas súas mans e poderán, ademais, conseguir un premio grazas aos seus votos. Este concurso #AnimaciónCoruña42 desenvolverase en Twitter durante oito días: desde o domingo 19 de abril ás 08.00 horas hastalas 23.59 do domingo 26 de abril. Así mesmo, os corredores serán enquisados para coñecer a súa opinión sobre os distintos puntos de animación. Unha vez finalizado o prazo o concurso pecharase cun sorteo final para premiar a participación no mesmo.

A forma de participar é moi sinxela. Só será necesario estar en posesión dunha conta persoal en Twitter e ser seguidor da conta oficial do Maratón Atlántica (\<sent\>Coruna42). Unicamente computarase un voto por usuario e día a través dun hashtag indicativo de cada un, que facilitará a propia organización, excepto no caso dos Locais de ensaio, que ao agrupar a varios grupos compartirán etiqueta. Unha vez realizado o reconto, as tres animacións máis votadas recibirán un premio en metálico. O gañador recibirá un premio de 500 euros, e haberá un segundo premio de 300 e un terceiro de 200 euros.

10 de abril de 2015 | 12:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.