A Alameda de Verín acollerá a tradicional Festa dos Maios

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVerín
A-
A+

Mañá venres 01 de maio, como vén sendo habitual desde os anos oitenta, a praza da Alameda de Verín acollerá a Festa dos Maios. Desde as 11 da mañá e até o mediodía está prevista a exhibición dos maios tradicionais e artísticos que confeccionaron a Asociación Verinense de Amigos da Música, a Asociación Cultural Alto Támega, o CPR Plurilingüe María Inmaculada, o CEIP Princesa de España e o CEIP Amaro Refojo. Tamén ás 11 da mañá, se se cumpren as previsións, comezarán o Trofeo de Petanca Maios 2015 (con 5 parellas inscritas) e as tiradas da modalidade infantil do Trofeo de Chave Ricardo Soto, no que están inscritos 43 alumnos e alumnas de 5º e 6º de Primaria do CEIP Amaro Refojo, do CPR Plurilingüe María Inmaculada e do CEIP Princesa de España.

Na praza García Barbón, aproveitando como bancadas as escadas do edificio que antano acollía a praza de abastos, a Compañía Títeres Seisdedos escenificará Varietés ás 12 horas. O acto está organizado polo Concello de Verín no programa Cultura no Camiño da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. A mesma hora (12 horas) está previsto o comezo das tiradas para adultos do Trofeo de Chave Ricardo Soto, de inscrición libre até o comezo da proba.

Ás 12.30 horas sairá da praza do Concello a Banda de Gaitas do Concello de Verín. O pasarrúas rematará na Alameda cun concerto ás 13 horas. Das 11 da mañá estarán á venda as coplas do Certame Enrique Gómez Pato, editadas polo Concello de Verín. O exemplar venderase a 1 euro. O diñeiro recadado será para a obra asistencial na comarca da Cruz Vermella.

Durante a programación dos festexos e até primeira hora da tarde haberá na Alameda un posto de polbo. O pan é o viño serán grutuítos, subvencionados, como é habitual desde os anos oitenta, polo Concello de Verín.

A Festa dos Maios recuperouna en Verín Enrique Goméz Pato a comezos da década dos cincuenta. “O Pato” -coa colaboración dos seus fillos- e despois a Asociación Cultural Os Choupos e o Movimiento Junior, foron os continuadores desta exaltación da primavera en esculturas efémeras e de crítica social dos acontecementos locais ou externos en verso rimado. No segundo goberno municipal democrático, no primeiro quinquenio dos oitenta, a festa viuse reforzada, con subvencións a maios e coplas feitos por asociacións, colexios e institutos; aliciente gastronómico e actividades paralelas.

30 de abril de 2015 | 12:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.