publicidade hoxe

Xunta, Goberno central e Concello de Narón investirán 7 millóns de euros no sistema de saneamento na marxe dereita da ría de Ferrol

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal PortadaNarón
A-
A+

O Consello da Xunta autorizou hoxe a sinatura dun convenio entre a entidade pública Augas de Galicia, o Concello de Narón e Sociedad Estatal Aguas de la Cuencas de España (Acuaes) para a execución e explotación das obras do terceiro tramo do interceptor xeral da marxe dereita da ría de Ferrol, concretamente entre Cadaval e Neda.

A actuación de mellora dos interceptores xerais de Ferrol complétase con este terceiro tramo, que recollerá as augas residuais de Narón e condúceas ata o tramo dous para que, finalmente, poidan ser transportadas ata a nova depuradora de Cabo Prioriño.

Con esta actuación preténdese o desenvolvemento de medidas para a mellora no sistema de saneamento da Ría de Ferrol. Concretamente, as obras que están previstas son a construción dun interceptor xeral e de colectores que permitan recoller a rede secundaria e conducilas ás estruturas de regulación, previamente á súa conexión ao interceptor xeral.

En total, o orzamento da actuación ascende a 7,3 millóns de euros, financiados entre Acuaes (68,2%), Augas de Galicia (11,4%) e o Concello de Narón (20,4%). As obras foron licitadas por Acuaes en febreiro deste ano e está en proceso de adxudicación. O prazo previsto para a execución é de 12 meses.

Esta obra inclúe a construción dun novo tanque de tormentas na zona de Xuvia, a execución de 4.960 m de conducións de nova construción e a rehabilitación de 590 metros de impulsións existentes.

Os traballos consisten na construción de tres novos colectores xerais que recollerán as augas residuais da área urbana comprendida entre a Ponte do río Xuvia, Piñeiros e Freixiero, para conducilas ao novo tanque de tormentas de Xuvia, con 4.580 m3 de capacidade, dende onde serán enviadas á EDAR, por unha nova impulsión, que se conectará ao tanque de tormentas de Cadaval (actualmente en fase de construción).

Este proxecto inclúe, ademais, a renovación da rede de colectores xerais do parque do río Freixeiro co obxectivo de ampliar a súa capacidade.

As obras forman parte da actuación “Interceptores xerais da marxe dereita da Ría de Ferrol” que Acuaes está a executar, co cofinanciamento da Xunta, para completar o sistema de saneamento e depuración dos municipios de Ferrol e Narón, e solucionar así a afección que sobre a Ría de Ferrol está a xerar a vertedura de augas residuais ao longo de toda a súa marxe dereita.

A mellora enmárcase dentro das actuacións levadas a cabo para o saneamento da ría de Ferrol na súa marxe norte: un total de 13,4 km de novos colectores, 10,1 km de colectores renovados e 12 novos tanques de tormenta que xa están a evitar verteduras á ría.

O Convenio establece as condicións básicas para a colaboración entre Augas de Galicia, o Concello de San Cibrao das Viñas e a Confederación Hidrográfica do Miño Sil, para o financiamento, execución, e a entrega e mantemento e conservación das obras.

– Acuaes encargarase da redacción dos proxectos construtivos, licitará e adxudicará os contratos, dirixirá as obras e encargarase das expropiacións que sexan necesarias.

– Augas de Galicia participa no financiamento da actuación mediante unha subvención a favor de Acuaes, asumindo a achega da cofinanciamento dos fondos europeos que dedica o Estado para a execución das obras. A achega da Xunta de Galicia corresponderase con fondos obtidos a través do Canon da Auga, que fai posible este tipo de investimentos do Estado con Fondos Europeos en Galicia.

– Concello de Narón porá á disposición das obras aqueles terreos públicos da súa titularidade, e participará no financiamento da actuación.

Esta actuación vai na liña da colaboración interadministrativa que se estableceu entre a Xunta de Galicia e o Goberno central, e na que participan os concellos situados na ría, e que permitiu mobilizar máis de 250 millóns de euros para mellorara o saneamento integral da Ría de Ferrol, dos que a Xunta achega case 114 millóns de euros.

Dende a Xunta de Galicia destácanse os esforzos que ambas as administracións fixeron nos últimos anos, sobre todo tendo en conta os recortes orzamentarios que se produciron, xa que do investimento total (máis de 250 millóns de euros) máis dun 77% correspóndese con obras que xa están rematadas como as depuradoras de Punta Avarenta e Cabo Prioriño, co bombeo da Malata, ou os colectores xerais de Ares, Fene e Mugardos, case 200 millóns de euros.

19 de marzo de 2015 | 18:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.