Xunta e Zona Franca alíanse por un espazo común de emprendemento e innovación

Francisco Conde no acordo coa Zona Franca de Vigo
O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, presentou hoxe un acordo coa Zona Franca de Vigo “para facer de Galicia un espazo común de emprendemento, de innovación, e aunar esforzos tamén no eido da internacionalización”. Esta alianza, destacou Conde, se cimenta sobre o éxito obtido polo traballo conxunto en iniciativas como Vía Vigo, que sinalou como exemplo dunha colaboración institucional na que participa a Consellería apoiando 10 proxectos a través da Axencia Galega de Innovación e de XesGalicia. Precisamente o acordo permitirá replicar ese éxito noutras cidades galegas, trasladando o modelo de VíaVigo a outras aceleradoras.
O acordo recolle ademais, no eido do emprendemento, a incorporación da Zona Franca á Unidade Galicia Emprende. Como axente activo, avaliará, asesorará, e no seu caso financiará proxectos emprendedores no marco da UGE, que durante o seu primeiro ano de vida xa impulsou a creación de 42 empresas e colaborou na posta en marcha de máis de 300 proxectos. Conde tamén citou outros posibles ámbitos de colaboración no futuro, como a Rede de Viveiros, que se poderían sumar a outros eidos recollidos no convenio, como a creación dun Indicador Comparado da Competitividade Empresarial. A través desta última ferramenta estatística, que porán en marcha Igape e Ardán, se porá facer un mellor diagnóstico e atopar as mellores solucións para as empresas galegas.
O pacto supón un novo impulso para o emprendemento na comarca viguesa, onde a Consellería respaldou, nos últimos seis anos, máis de 200 proxectos de creación de empresas, mobilizando máis de 10 millóns de euros.











